FACENDA

O BNG considera unha “escusa de mal pagador” que o alcalde presuma de reducir a 70 días o pago pendente ás empresas cando ten facturas de 2021 sen aboar

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

“Evidencia que é un Goberno incapaz, ineficaz e cun proxecto esgotado”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG considera unha “escusa de mal pagador” que o alcalde presuma de reducir a 70 días o pago pendente ás empresas cando ten facturas de 2021 sen aboar

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022.- O BNG considera “unha provocación” que o Goberno de Sánchez Bugallo saque peito de reducir o período medio de pago de facturas desde os 84 días de promedio no mes de agosto aos 70 do mes de setembro, que máis que duplican a cantidade media prevista legalmente que é de 30 días. “Son escusas de mal pagador que o alcalde presuma de reducir a 70 días o pago pendente ás empresas cando neste último trimestre está pagando facturas de xaneiro de 2021”, advirte Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Isto significa que hai multitude de empresas ás que o Concello de Santiago lles debe diñeiro e están sen cobrar. “Cando o Goberno de Bugallo tenta botar balóns fóra e di que entran en Raxoi 7.000 facturas nos últimos tempos, o que lle debería preocupar é como é posíbel que teñan que entrar tantas facturas”, sinalou. “O que acontece é que hai moita xente que non cobra en tempo e forma do Concello de Santiago”, engadiu.

Xa o ano pasado aconteceu, cando houbo un superávit de 16 millóns de euros dos que unha parte substancial era diñeiro comprometido para pagar facturas que non se pagaran en tempo e forma; aínda neste último trimestre do ano está pagando facturas que son de comezos do ano 2021e , por tanto, é escandaloso que provoque esta situación para pequenas e medianas empresas do concello de Santiago.

Sen previsión de Orzamento para 2023

“Con esta ineficacia e falta de xestión do Goberno socialista non é de estrañar que non saibamos absolutamente nada do próximo Orzamento e que o propio alcalde renunciase, por tanto, a que poida haber investimentos e prioridades para executar na primeira parte do ano 2023”, sinalou.

“Marcharemos de vacacións, tomaremos coas uvas, sen unha proposta orzamentaria, o que vai provocar que o Concello de Santiago teña 6 meses máis de tempo perdido a comezos de 2023”, explicou. “Realmente é impresentábel que coa cantidade de necesidades que hai en Santiago, coas demandas sociais da veciñanza e coa falta de cumprimento de compromisos electorais que o Goberno socialista se permita o luxo de non poñer enriba da mesa unha proposta orzamentaria para 2023”, indicou.

En definitiva, dixo, non hai nada de que presumir no Concello que non paga a tempo aos seus provedores, onde acumula as débedas e o que fai é xerar remanentes para pagar fóra de prazo ás pequenas e medianas empresas. “Isto evidencia que é un Goberno incapaz, ineficaz e cun proxecto esgotado que terá que dar paso a un novo proxecto de cidade a partir de maio de 2023 liderado polo nacionalismo”, concluíu.

 

O BNG considera unha “escusa de mal pagador” que o alcalde presuma de reducir a 70 días o pago pendente ás empresas cando ten facturas de 2021 sen aboar