CAMPAÑA COAS PROPOSTAS DO BNG FRONTE Á CRISE

Pontón chama a mobilizase o 18D tamén en defensa dunhas pensións dignas nunha Galiza que está a cola nesta prestación

Xosé Cuns, Ana Pontón e Goretti Sanmartín
Xosé Cuns, Ana Pontón e Goretti Sanmartín
Ve antisocial a subida de tipos de interese que sube as hipotecas ás familias e dificulta o crédito ás PEME, mentres segue ganando a banca
Pontón chama a mobilizase o 18D tamén en defensa dunhas pensións dignas nunha Galiza que está a cola nesta prestación

Santiago de Compostela, 13 de decembro 2022.-  A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun acto en Santiago dentro da campaña Non é unha crise, é unha estafa, que o BNG desenvolve por toda Galiza con motivo da crise de prezos, que rematará este domingo 18 de decembro cunha manifestación nacional en Compostela para reclamar unha saída xusta e galega á crise.

“Estamos co maior nivel de inflación en corenta anos o que impacta de cheo nunha Galiza onde o IPC está por riba da media estatal, pese a que temos pensións e salarios por debaixo e as previsións dos expertos para o vindeiro ano avanzan que o PIB galego medrará cero, a peor cifra de todas as comunidades autónomas. E iso ten consecuencias directas que vemos cada día tanto no ámbito persoal como no colectivo”, explicou a líder nacionalista.

Por iso, Pontón instou á cidadanía a mobilizarse este domingo para reclamar tamén desde as rúas unha saída da crise “que non a paguen os e as de sempre”, recalcou, en relación ao impacto sobre as familias, a clase traballadora, as persoas autónomas e tamén as pensionistas, agora coa ameaza da proposta do Executivo central que supón un novo paso atrás para o sistema público de pensións. “Temos que saír á rúa tamén a defender unhas pensións dignas para as persoas maiores deste País, que teñen dereito a unha vellez digna”, indicou a líder do Bloque.

“A proposta do Goberno central é intolerable, porque aumentar os anos de cálculo da pensión é vai baixar a prestación, por tanto, empobrecer ós traballadores e ás traballadoras”, criticou. O BNG defende xusto o contrario, mellorar as pensións recuperando a idade de xubilación aos 65 anos, equiparando as pensións mínimas ao salario mínimo e fixar o cómputo en dez anos, a escoller entre toda a vida laboral,   para determinar a contía da prestación.

“Tras unha vida de traballo, xubilarse non é un luxo é un dereito que hai que preservar, porque é falso que as pensións non sexan sostibles, o que non é sostible é o incremento das desigualdades sociais. Polo tanto, este 18D temos que mobilizarnos para defender pensións dignas e dicir alto e claro que non imos permitir un novo recorte nas pensións”, subliñou.

Pontón reclamou aos gobernos central e galego unha “correcta diagnose” da situación de crise de prezos, que a guerra en Ucraína non fixo máis que agudizar, pero que xa estaba de antes desatada pola “guerra económica” que agocha os intereses das elites dos EEUU, dispostas a todo con tal de manter a súa hexemonía mundial, tamén no eido enerxético, e cunha Unión Europea cada vez máis subordinada aos Estados Unidos.

A portavoz do Bloque denunciou que os grandes lobbys, -eléctricas, petroleiras e banca-, están utilizando a crise para forrarse a costa da maioría, cuns beneficios obscenos especulando con bens básicos como a electricidade, os carburante, ao que se suma a subida das hipotecas que lastran aínda máis ás afogadas economías domésticas.

 “Gañan as transnacionais mentres perden as clases populares e traballadoras”, sintetizou. Pontón foi crítica coa subida dos tipos de interese, coa conseguinte subida das hipotecas: “Prexudica ás familias, á pequena e mediana empresa porque ten máis difícil acceder ao crédito e iso mentres se toman decisións antisociais como novos recortes das pensións, o que afecta especialmente a Galiza onde temos as segundas pensións máis baixas de todo o Estado”, destacou.

No acto tamén interveu a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, quen destacou que en Santiago a taxa de risco de pobreza case se duplicou en dez anos e destacou a  “inmensa cantidade” de persoas, fundamentalmente mulleres, que traballan na economía somerxida e padecen “un altísimo grao de precariedade”.

Achegar solucións

Tamén fixo referencia a que os servizos sociais do Concello de Santiago están desbordados para atender moitas casuísticas novas, entre as que sobresae a das persoas ás que o salario non lles permite chegar a fin de mes. “Fronte a esta situación o BNG aporta solucións: que pague máis impostos quen máis ten, reducir o gasto militar para investir ese diñeiro en sanidade, educación e servizos sociais, pasando pola limitación do prezo dos alugueres e das hipotecas en vivenda habitual e locais comerciais”, sinalou.

Sanmartín indicou que o BNG de Santiago traballa para paliar os efectos da crise de prezos, como por exemplo logrando o pago fraccionado de impostos; con medidas de apoio ás familias monoparentais, reducindo ou mesmo facendo gratuítas o uso de instalacións municipais, con tarifas reducidas en ximnasios, actividades e servizos públicos.

 

Igualmente, reclamando máis servizos sociais como os centros de día, empezando polo de Fontiñas,  un plan anual de actividades de conciliación con prezos públicos e cun programa de actividades extraescolares tamén co obxectivo de enfrontar a crise.

Pontón chama a mobilizase o 18D tamén en defensa dunhas pensións dignas nunha Galiza que está a cola nesta prestación