ORZAMENTOS

O BNG presenta emendas por 20,8 millóns de euros de incremento nos Orzamentos da Xunta para mellorar o carácter social, a creación de emprego e os servizos públicos en Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín e Iria Carreira
Goretti Sanmartín e Iria Carreira

Goretti Sanmartín empraza o deputado e candidato do PP á Alcaldía, Borja Verea, a que rectifique e vote a favor destas propostas e que, se non o fai, a veciñanza tome nota de que non defende os intereses de Santiago de Compostela

O BNG presenta emendas por 20,8 millóns de euros de incremento nos Orzamentos da Xunta para mellorar o carácter social, a creación de emprego e os servizos públicos en Santiago de Compostela

A deputada Iria Carreira cualifica os Orzamentos de 2023 de “insolventes e insolidarios coa maioría social”

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a deputada Iria Carreira presentaron 24 emendas por valor de 20.880.000 euros de incremento nos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela, cunha aposta polo carácter social coa promoción da vivenda pública e dinamización das vivendas baleiras; á creación de emprego, de maneira específica para as persoas con diversidade funcional; e ao reforzo dos servizos públicos educativo, sanitario e deportivo.

“Xa hai dous meses falabamos que os Orzamentos da Xunta para Santiago eran unha tomadura de pelo porque incluían, como fosen para a veciñanza, reformas no edificio da Xunta de San Caetano”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa. A próxima semana debateranse no Parlamento galego e con estas emendas preténdese paliar que estes Orzamentos sexan “claramente insuficientes para Santiago de Compostela e esquezan compromisos históricos”.

Goretti Sanmartín destacou as emendas máis importantes do BNG como a construción do novo aparcadoiro do CHUS (1 millón de euros), o centro de día das Fontiñas (1,5 millóns de euros), a escola infantil de Santa Marta (1 millón de euros), a creación do Conservatorio Profesional de Danza (500.000 euros), a ampliación do Conservatorio de Música (750.000 euros) e a construción no novo centro da Escola Oficial de Idiomas (1.500.000 euros). Para o BNG é moi importante un programa de construción de vivenda pública en Santiago (2,2 millóns de euros) e tamén un plan de dinamización de vivenda baleira (500.000 euros), ademais de dotar de saneamento e abastecemento o rural (1,5 millóns de euros). Tamén inclúe un plan de prevención do suicidio (200.000 euros), un plan de emprego (500.000 euros) e outro específico para as persoas con diversidade funcional (500.000 euros), a aposta pola planta de compostaxe (1,5 millóns de euros) e a mellora de instalacións deportivas e centros de ensino (700.000 euros). Reclámase un Xulgado de atención á vítimas de violencia de xénero, que xa está autorizado polo Goberno do Estado.

A partida para o Consorcio ten que incrementarse, pois despois do anuncio dunha choiva de millóns realizado o ano pasado, a cantidade consignada tanto nos orzamentos da Xunta como do Estado é a mesma que nos últimos anos e xa era unha achega conxelada con respecto a exercicios anteriores, indicou. “Propoñemos que se incremente en 2.450.000 euros, por parte da Xunta, e tamén para o Estatuto da Capitalidade en 2.280.000 euros”, engadiu.

“Realmente estas dúas emendas, a do Consorcio e a da Capitalidade, tamén as incluíu o PSOE, cando non foi capaz de conseguir que se incrementase a cantidade para o Consorcio nin aceptou a emenda do BNG para que iso fose unha realidade, até resulta gracioso que a presente aquí”, indicou Goretti Sanmartín. Lembrou tamén “a desfachatez” do PSOE a nivel local de votar en contra dunha proposta do BNG no Pleno neste mandato de solicitarlle á Xunta incrementar o Orzamento para o Estatuto da Capitalidade.

Falta de coherencia do PP e do PSOE en función das institucións

“A coherencia é complicada para o PSOE dependendo da institución onde está e o mesmo acontece co candidato á Alcaldía do PP e deputado, Borja Verea, a quen queremos facer un chamamento para que vote a favor destas propostas, porque moitas delas foron aprobadas no Pleno do Concello polos seus compañeiros do PP e sobre as que o PP no Parlamento xa se manifestou contrario”. “Esperemos que rectifique e que vote a favor destas propostas que son reclamacións históricas e, se non o fai, que a veciñanza o teña en conta”, indicou, “porque hai moi pouca coherencia entre o traballo do PP na Xunta e a súa defensa dos intereses de Santiago de Compostela”.

“O BNG continuará a defender que a xente vote e apoie as cuestións tendo o corazón en Compostela, pensando no que é mellor para a nosa cidade, para a comarca e para a veciñanza, e non para os intereses do partido que goberna a Administración da Xunta”, engadiu.

“Insolventes e insolidarios”

Pola súa parte, a deputada Iria Carreira, cualificou de “insolventes e insolidarios” estes Orzamentos da Xunta porque se apoian nunha realidade económica que non se corresponde coa actual nin tampouco coas previsións para 2023 a respecto do incremento do PIB nin da creación de emprego.

“En Galiza triplicouse a débeda pública desde que entrou como presidente Alberto Núñez Feijóo”, afirmou, con 410 millóns de euros, que supón o 18,4% do PIB. Explicou que os orzamentos son insolidarios “porque non pretenden mellorar os servizos públicos nin as condicións de vida da maioría social”; mentres se fai un pelotazo fiscal co que se deixarán de recadar 34 millóns de euros das grandes fortunas, suprímese a tarxeta básica, unha medida para as persoas en risco de pobreza e exclusión social que lles permitía facer a compra dun xeito digno e sen estigmatizacións; e redúcese o bono social térmico ou o programa de axudas ás persoas autónomas.

“Desde o BNG consideramos que hai alternativas e por iso presentamos emendas a estes Orzamentos da Xunta cunha fiscalidade máis xusta”, dixo, para conseguir unha verdadeira redistribución da riqueza e que ese diñeiro se poida investir en reforzar os servizos sociais e en apoiar unha maioría social con dificultades económicas. Referiuse, en concreto, ás necesidades da sanidade, da educación e dos servizos destinados ás persoas maiores.

O BNG presenta emendas por 20,8 millóns de euros de incremento nos Orzamentos da Xunta para mellorar o carácter social, a creación de emprego e os servizos públicos en Santiago de Compostela