PLENO
O BNG traslada ao Pleno a necesidade de arranxar as deficiencias da praza da Mercé e do Campo de Conxo
Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez mantiveron unha reunión coa directiva de Conxo Aberto
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o responsábel local, Xesús Domínguez, mantiveron un encontro coa asociación Conxo Aberto en que analizaron as necesidades deste barrio, entre as que sitúan como prioritarias as obras de acondicionamento da praza da Nosa Señora da Mercé. Ademais, esta asociación advirte do abandono xeral do barrio, por parte do Goberno local, en canto ao mantemento dos espazos públicos nos últimos anos, e tamén das deficiencias das obras da Xunta de integración paisaxística do Camiño Portugués.
“A veciñanza de Conxo alerta, máis unha vez, do estado en que se atopa a praza da Nosa Señora da Mercé, na avenida de Ferrol, co pavimento totalmente deteriorado e cuns lombos na estrada que fan que sexa moi complicada a viaxe en autobús por esa zona”, sinalou Goretti Sanmartín. “É esta unha actuación urxente, que o goberno debe acometer sen máis demora, quer a través dos orzamentos de 2023, se os houber, quer a través da previsión de utilización dunha determinada cantidade dos remanentes de 2022 para esta finalidade”, engadiu.
Por outra parte, o BNG quere tamén denunciar os múltiplos problemas derivados das obras realizadas a raíz proxecto de integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio de Conxo, financiado pola Xunta con máis de 2,7 millóns de euros. Logo de que perdese o encanto que tiña no pasado, urxe corrixir as deficiencias que presenta o Campo de Conxo, diante do Hospital Psiquiátrico, con problema de lousas levantadas, varandas que non cumpren a normativa de accesibilidade e falta de papeleiras.
Xa en marzo de 2022, o BNG reclamara a supervisión do resultado desta obra e advertiu dos desniveis e irregularidades da superficie, que agora se agravaron, da falta de diferenciación entre a zona peonil e de aparcamento, dos bordos afiados, da escasa iluminación e da mala situación dos bancos, ademais das carencias de sinalización. Por todas estas cuestións, entendemos que estas obras non deben recepcionarse até que se reparen as numerosas deficiencias existentes.
Mención á parte requiren as obras de humanización aínda sen executar do proxecto do túnel de Conxo. Transcorridos anos de compromisos para concluír as obras de humanización e de seguranza viaria que quedaran pendentes ao abrir o túnel de Conxo en 2016, existen diversos proxectos que non satisfán as necesidades da veciñanza. Por unha parte, o Ministerio de Fomento tiña o compromiso de rematar as obras de humanización, unha obra que postergou após un investimento de 5.350.000 euros máis un reformado por 200.000 euros. De feito, a daquela ministra Ana Pastor anunciara que estaban redactando o proxecto da "mellora estética" por valor de 250.000 euros, que tiña previsto licitar en xullo de 2016.
Así, o BNG trasladará unha moción ao Pleno para axilizar os prazos para as necesarias obras de acondicionamento da praza da Nosa Señora da Mercé, en Conxo, e para instar a non recepcionar as obras de integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio de Conxo, financiado pola Xunta con máis de 2,7 millóns de euros, mentres non se corrixan todas as deficiencias detectadas.