PLENO

O BNG lanza unha proposta para revitalizar a Cidade histórica coa rehabilitación de edificios e fomento do comercio local

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín na rolda de prensa

Goretti Sanmartín considera fundamental impulsar medidas para a recuperación demográfica da Cidade histórica

O BNG lanza unha proposta para revitalizar a Cidade histórica coa rehabilitación de edificios e fomento do comercio local

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que defenderá no Pleno de decembro destinada a revitalizar a Cidade histórica, coa protección dos edificios e do comercio tradicional, co obxectivo de incrementar o seu censo de residentes.

“Existe unha gran preocupación por parte da veciñanza pola perda de poboación da Cidade histórica, queremos lembrar que en 1970 tiña máis de 14.000 persoas residentes e agora 2.940”, indicou. Na última década perdéronse case 1.000 persoas censadas neste ámbito e existe un proceso de xentrificación co que a xente non quere ou non pode residir na Cidade histórica.

Desde o ano 2006, o Concello de Santiago conta cun rexistro de soares que é un instrumento para revitalizar a zona urbana, propoñer a rehabilitación dos edificios en ruínas, preservar a imaxe urbana e garantir as condicións adecuadas de salubridade e ornato público. En todo caso, sinalou, nesa ordenanza hai unha primeira fase en que as persoas propietarias teñen que edificar ou rehabilitar conforme as instrucións e garantías que se dan e, en caso de iso non se produza, o inmóbel acaba inscrito no rexistro de soares para ir a unha poxa.

Para o BNG, é fundamental actualizar e axilizar esa ordenanza, garantindo que todos os procesos cheguen ao seu remate. Na actualidade existe unha listaxe inicial de 123 inmóbeis que están pendentes de iniciar este proceso, para que as persoas propietarias actúen para iniciar a rehabilitación e, deles, só unha pequena parte actúa. “Na súa primeira etapa, este rexistro de soares tivo poucos inmóbeis inscritos e cremos que hai que darlle un impulso cunha modificación desa ordenanza reguladora para axilizar o procedemento, con máis recursos e máis persoal dedicado a esta finalidade, coa intención de frear o despoboamento, a perda de edificios e tamén a progresiva desaparición de estabelecementos orientados á veciñanza”, destacou.

Para deter a perda de comercios tradicionais en Santiago de Compostela, propuxo a creación dunha ordenanza sobre o comercio de interese local na Cidade histórica, onde se declaren algunhas zonas como saturadas de tendas de souvenirs e onde se poña en relevo que é necesario preservar os comercios de interese local ben pola súa longa traxectoria, ben por estaren destinados a bens e servizos esenciais.

“Para levar adiante esta proposta, desde o BNG vimos reclamando que o Consorcio ten que incrementar os seus fondos, como unha ferramenta para ir comprando inmóbeis para rehabilitalos, ben como vivendas ou como comercios, cunha proposta que vaia na liña de fomentar os oficios tradicionais, estabelecementos que poidan servir contra o cambio climático, de reparacións e tendas de segunda man, apostando pola economía circular”, sinalou. “Coas cantidades que manexa o Consorcio, con cifras similares ás dos últimos anos é imposíbel, pois non ten orzamento para proceder a esta compra e rehabilitación de inmóbeis, nin tan sequera chega para os seus propios programas de rehabilitación de axudas á veciñanza”, advertiu. “Ten que haber unha dotación extraordinaria da Xunta e do Estado se queremos darlle ese impulso á revitalización da Cidade histórica”, afirmou.

Lembrou que o concello de Santiago está declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco e, nese sentido, ten que responsabilizarse de garantir a protección e conservación de todos os valores do que significa, para que as vivendas estean en condicións de estaren habitadas, así como os estabelecementos comerciais cumpran a súa función de servizo a residentes en vez de seguir baleiros e deteriorándose cada vez máis.

“Esta é a proposta que levaremos ao Pleno para fomentar a recuperación demográfica na Cidade histórica e poder iniciar unha nova etapa para evitar que se perda o seu carácter esencial, para ser unha cidade viva, do século XXI, e con persoas que gocen de todos os servizos necesarios”, explicou Goretti Sanmartín.

O BNG lanza unha proposta para revitalizar a Cidade histórica coa rehabilitación de edificios e fomento do comercio local