PLENO

O BNG traslada ao Pleno o apoio á ILP para a regularización da situación das persoas migrantes

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

Goretti Sanmartín destaca o labor do Foro Galego da Inmigración para conseguir un cambio normativo que protexa estas persoas en situación de vulnerabilidade

O BNG traslada ao Pleno o apoio á ILP para a regularización da situación das persoas migrantes

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022.- O BNG defenderá no Pleno unha moción conxunta con CA e o PSOE para apoiar a campaña da Iniciativa Lexislativa Popular "Esenciais", que trasladou o Foro Galego da Inmigración, para a regularización extraordinaria das persoas migrantes no Estado español, co obxectivo de colaborar na súa difusión, promover a concienciación popular e apoiar a recollida de sinaturas.

Neste sentido, procúrase o apoio da Corporación compostelá para apostar pola modificación da Lei sobre dereitos e liberdades das persoas estranxeiras no Estado español e a súa integración social para que o Goberno, a través dun Real decreto, estabeleza, no prazo de 6 meses, un procedemento para a regularización das persoas estranxeiras que se atopen en territorio español antes do 1 de novembro de 2021.

Ademais, esta iniciativa busca promover o compromiso do Concello de Santiago de Compostela cos dereitos e liberdades das súa veciñanza e coa loita por unha cidade e unha sociedade máis xusta, equitativa inclusiva e democrática.

Deste xeito, o BNG traslada o seu apoio ao Foro Galego da Inmigración e súmase ás entidades promotoras desta ILP que supuxo un grande esforzo de centos de colectivos a nivel estatal para conseguir máis de medio millón de sinaturas para reclamaren dereitos básicos para as entre 290.000 e 470.000 persoas que residen de forma irregular no Estado español, das que un terzo son menores de idade, segundo as súas estimacións.

O sistema de acceso á residencia previsto na Lei de Inmigración é insuficiente e limitado e non se axusta á realidade actual das persoas migrantes que viven e traballan no Estado español. O motivo disto é, por unha banda, que os criterios de acceso á residencia son moi restritivos e moi difíciles de cumprir e, por outra, que o procedemento administrativo implantado é lento, burocrático e ten unha alta marxe de discreción á hora de outorgar autorizacións ou renovalas.

Esta dinámica xera unha espiral de vulnerabilidade e desprotección que aumenta a exclusión social e afecta á sociedade no seu conxunto. Por iso, considera fundamental buscar mecanismos que garantan que estas persoas poidan saír da situación de invisibilidade e falta de dereitos como consecuencia do estado migratorio irregular.

O BNG traslada ao Pleno o apoio á ILP para a regularización da situación das persoas migrantes