PLENO
Goretti Sanmartín, sobre a parcela de Peleteiro: “Estamos ante un expediente incompleto, que non inclúe o convenio coa propiedade”
O BNG empraza o alcalde a que o proxecto quede sobre a mesa para tratalo nos próximos meses, “co proceso rematado e cun consenso maior”
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022.- Na intervención no Pleno sobre a modificación puntual do PXOM no ámbito do PERI-12, na parcela do antigo colexio Peleteiro, Goretti Sanmartín xustificou a abstención do BNG en que “para alén das queixas dun sector da veciñanza desconformes co resultado, estamos ante un expediente incompleto, que non inclúe o convenio coa propiedade, que non está de acordo coa proposta”. Votaron a favor o PSOE, en contra o PP e abstivéronse BNG, CA e o concelleiro non adscrito, co que quedou rexeitada.
“Independentemente de que desde o BNG non concordamos coa proposta da propiedade de subir a altura da edificación, si xulgamos que traer este acordo e plasmalo nun convenio dotaría esta proposta de maior seguranza xurídica e despexaría incertezas”, sinalou. “Caermos nunha espiral de alegacións e enfrontamentos, que poden rematar en recursos, non é xustamente comezar con bo pé”, engadiu.
Goretti Sanmartín agradeceu o traballo técnico do persoal de Urbanismo, “o inmenso traballo feito cunha proposta que, sen dúbida, mellora a situación actual, pois é evidente que o que nestes momentos está no planeamento non dá resposta ás necesidades actuais dunha peza fundamental para o desenvolvemento do Ensanche”. Pasar de 23.500 metros de edificabilidade a 19.900, con 900 dun dotacional público e 1395 dunha praza, co correspondente cambio de uso de hoteleiro e fundamentalmente comercial ao uso residencial é unha boa nova. Como o son os 900 metros cadrados para usos sociais, como ese centro de día que se require, e cun 20% de vivendas de protección. “Temos, iso si, a incógnita do aparcamento de xestión pública cun prezos como o de Xoán XXIII, como defende o BNG”, advertiu.
“O BNG leva dicindo en todo este proceso que este tema había que desatascalo e que non é de recibo que a día de hoxe teñamos unha parcela en claro proceso de deterioración”, explicou. Goretti Sanmartín lembrou que en xullo de 2021 o BNG votou a favor da proposta para que se realizase o estudo ambiental, agardando que comezase unha negociación intensa que trouxese de novo ao Pleno unha proposta pechada co maior dos acordos posíbeis. “A memoria humana é fraca e hoxe sería moita a xente que enrubiaría de escoitar as palabras do PSOE de hai case catro anos porque o acontecido coa parcela de Peleteiro é un exemplo paradigmático dunha utilización nesgada dos tempos e de promesas incumpridas”, indicou. “Faría falta moita autocrítica e unha humildade que non practica, que o alcalde pedise desculpas polas súas declaracións de abril de 2019, dicindo que en tres meses arranxaría ese tema e con consenso”, sinalou.
Ademais, a portavoz municipal pediulle ao PSOE que xustifique “a súa obstrución” a que esta cuestión continuase o seu percurso en abril de 2019, sobre todo cando nas cuestións principais (edificabilidade e usos) as alternativas que se levaron a este Pleno coinciden coas que no seu día se presentaron no mandato anterior.
Deste xeito, emprazou o alcalde a deixar sobre a mesa esta modificación puntual do PXOM para tratala nos próximos meses, asinar un novo convenio coa propiedade e conseguir un consenso maioritario.
Aprobada a proposición do BNG para revitalizar a Cidade histórica
Nesta sesión plenaria, o BNG trasladou unha proposición para actualizar a normativa urbanística destinada a revitalizar a Cidade histórica, coa protección dos edificios e do comercio tradicional, co obxectivo de incrementar o seu censo de residentes. Aprobouse cos votos a favor de BNG e CA; PP, PSOE e o concelleiro non adscrito abstivéronse.
En concreto demandou unha modificación da Ordenanza reguladora do Rexistro municipal de soares e edificacións que cómpre rehabilitar no concello de Santiago, que permita a axilización do procedemento ante a perda acelerada de residentes na Cidade histórica e a deterioración de inmóbeis patrimoniais, co fin de frear o seu despoboamento, a perda de monumentalidade e a progresiva desaparición de estabelecementos orientados á veciñanza.
Propón realizar unha nova ordenanza sobre o comercio de interese local na Cidade histórica, destinada a preservar os estabelecementos tradicionais e os que subministran bens e servizos esenciais, para evitar a súa progresiva desaparición e atallar a proliferación de baixos comerciais baleiros e de comercios de souvenirs. Esta ordenanza incluirá, ademais, medidas de fomento para promover a apertura de novos estabelecementos que subministren bens e servizos esenciais na Cidade Histórica.
O terceiro punto da iniciativa vai destinado a solicitar unha dotación extraordinaria de fondos das administracións da Xunta e do Estado para a urxente compra e rehabilitación de inmóbeis que conforman o patrimonio edificado de carácter monumental en risco de desaparecer polo seu estado ruinoso, que serán destinados preferentemente a vivenda en réxime de alugueiro.