EDUCACIÓN

Goretti Sanmartín insta a dar unha solución urxente para as 34 familias excluídas das actividades de conciliación de Nadal

Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi
Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi

A situación agrávase nesta edición por quedaren fóra familias que teñen crianzas de acollida

Goretti Sanmartín insta a dar unha solución urxente para as 34 familias excluídas das actividades de conciliación de Nadal

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022.- O BNG advirte da necesidade de ampliar as prazas do servizo de conciliación de Nadal, toda vez que o Goberno local anunciou a listaxe de nenos e nenas admitidas deixando fóra 34 que solicitaran praza.

O servizo de actividades conciliación é un elemento fundamental para as familias poderen manter o seu labor profesional no período de vacacións escolares. “Desde o Concello débese defender a igualdade de oportunidades e favorecer a conciliación laboral e familiar con programas específicos de apoio ás familias”, sinalou Goretti Sanmartín, “e non se entende que despois do acontecido no verán pasado volvan caer no mesmo erro”.

Segundo a listaxe publicada, hai 129 crianzas admitidas e 34 excluídas, co que deixan fóra 21% de familias solicitantes.

Ademais, Goretti Sanmartín sinalou que a situación se agrava nesta edición por quedaren fóra familias que teñen crianzas de acollida, a través da Asociación galega de familias de acollida (Acougo), cando deberían ter prazas preferentes. Este programa de acollemento familiar permite que nenos e nenas tutelados pola administración pública poidan vivir integrados/as en familias distintas ás de orixe e medrar nun espazo de protección familiar. Neste sentido, o Concello de Santiago debe facilitar con medidas específicas a igualdade de oportunidades para estas familias.

Sinalou tamén que as familias monoparentais deben ir a servizos sociais pedir unha certificación, cando se pode simplificar este procedemento burocrático para que dispoñan de prazas de conciliación.

“Lembramos que as actividades de conciliación deberían formar parte dun único paquete que inclúa todos os períodos de vacacións, para que non aconteza cada vez este problema, ademais de realizarse con suficiente antelación co fin de que as familias poidan saber que dispoñen desa praza nos períodos non lectivos”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

 

 

Goretti Sanmartín insta a dar unha solución urxente para as 34 familias excluídas das actividades de conciliación de Nadal