PLENO

Apróbase a moción do BNG para dotar dun aparcamento alternativo para a veciñanza de Ultreia e do barrio da avenida de Salamanca

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

Urxiu a crear un plan de reactivación económica con axudas para os negocios do barrio de San Pedro e dos Concheiros afectados polas obras

Apróbase a moción do BNG para dotar dun aparcamento alternativo para a veciñanza de Ultreia e do barrio da avenida de Salamanca

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021.- O BNG trasladou ao Pleno unha moción para dotar dun espazo alternativo de aparcamento para a veciñanza de Ultreia e do barrio da avenida de Salamanca, tendo en conta a previsión de suspensión de prazas coas obras de accesibilidade e humanización.

Así, propuxo ampliar os prazos para poder presentar alegacións formais ao documento do estudo de detalle e que estas se poidan realizar despois de que exista unha xuntanza aberta con representación tanto técnica como política do goberno municipal, onde se expoñan os detalles do proxecto e onde se poidan resolver as dúbidas pertinentes. Ademais, atenderase e darase resposta ás alegacións presentadas pola recentemente constituída Plataforma Ultreia, que recolle medidas como iniciar os trámites para declarar todo o ámbito como Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU), habilitar axudas para a redacción e execución dos proxectos de elevadores e ramplas e incorporar ao conxunto da reflexión urbanística o tramo máis próximo á Avenida Xoán XXIII. Aprobouse por unanimidade, agás no punto de ampliar os prazos en que o PSOE se abstivo na votación.

Gasolineira en Brandia

Ante a inquedanza veciñal pola pretensión de instalar unha gasolineira de baixo custe e sen persoal no emprazamento da urbanización de Brandia, tendo en conta que existen suficientes motivos técnicos para a denegar, o BNG volveu insistir máis unha vez na necesidade evitar a autorización da licenza deste negocio. Así, trasladou unha pregunta para coñecer as medidas que adoptou e ten previsto adoptar o Goberno local de cara a frear a instalación dunha gasolineira en Brandia para dar cumprimento aos acordos da sesión plenaria do 21 de setembro de 2017 (por unanimidade) e de xuño de 2021 (aprobado cos votos a favor de BNG, PP, CA e a abstención do PSOE). Así, Goretti Sanmartín anunciou que o BNG presentou no Congreso unha iniciativa de modificación lexislativa para evitar facer pasar as unidades de subministros de hidrocarburos por áreas comerciais.

Plan de reactivación económica para o barrio de San Pedro e dos Concheiros

Outra pregunta do BNG, que defendeu Navia Rivas, foi para saber cando ten previsto o Goberno local proceder a crear un plan de reactivación económica con axudas para os negocios do barrio de San Pedro e dos Concheiros afectados polas obras e con que partida se vai dotar economicamente. O alcalde respondeu que, previsibelmente, en xaneiro porán en marcha este plan de reactivación económica para os Concheiros e San Pedro, como se acordou no Pleno de setembro a raíz dunha proposta do BNG.

Consellos de participación cidadá

O BNG trasladou un rogo para que o Goberno local proceda a convocar, nun período máximo de dous meses, os consellos de participación cidadá para facer partícipe a veciñanza e os colectivos sociais das decisións e asesoramento das políticas municipais. O BNG vai seguir a reclamar, como fixo en mandatos anteriores, que se constitúan os consellos de participación cidadá, pois desde a entrada de Xosé Sánchez Bugallo como alcalde en 2019, tan só se convocou unha vez o de Saúde o 6 de outubro de 2020 cando xa transcorreron dous anos do seu Goberno.

Outro dos rogos foi destinado a que o Goberno local convoque o Consello de Condecoracións e respecte os acordos plenarios coas propostas aprobadas para a feminización do rueiro e dos espazos públicos de Compostela cos obxectivos de corrixir as desigualdades de xénero e de ter unha cidade máis xusta e equitativa nas políticas sociais e urbanas.

Ademais, o BNG reclamou que proceda a instalar un espello na rúa de Teo, de acordo co persoal técnico que corresponda, para mellorar a seguranza viaria, que facilite a visión para as persoas condutoras que transitan por esa vía, posto que na actualidade hai risco de sufrir colisións ao descoñecer se se aproximan outros vehículos nese cruzamento como xa demandou a Asociación veciñal Francisco Asorei. Desde o Goberno local responderon que non hai ángulo para instalar ese espello e adoptarán outras medidas para solucionar o problema.

En canto ás preguntas orais, o BNG preguntou se o Goberno local vai atender as demandas da veciñanza da Almáciga e da comunidade educativa do CEIP Apóstolo Santiago para a reurbanización e reordenación do tráfico nesta área, ademais de reclamar que se implante o Colecamiños na zona. Na actualidade hai unha explanada en que se mesturan o tránsito peonil, familias e crianzas coa circulación da veciñanza e o aparcamento de vehículos nos horarios de entrada e saída deste centro de ensino. Este espazo utilízase como zona de estacionamento da veciñanza e do persoal do centro, ao que se suman aglomeracións de vehículos en momentos puntuais de entrada e saída. Cómpre realizar un plan de mobilidade para este espazo ou executar o xa existente, se o houber.

 

Apróbase a moción do BNG para dotar dun aparcamento alternativo para a veciñanza de Ultreia e do barrio da avenida de Salamanca