EMENDAS

PSOE e Unidas Podemos rexeitan as emendas do BNG para incrementar os fondos do Consorcio de Santiago

Néstor Rego e Goretti Sanmartín no pazo de Raxoi
Néstor Rego e Goretti Sanmartín no pazo de Raxoi

Yolanda Díaz e Gómez-Reino votaron tamén en contra do proxecto para designar ‘Daniel Castelao’ a estación intermodal de Compostela

PSOE e Unidas Podemos rexeitan as emendas do BNG para incrementar os fondos do Consorcio de Santiago

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu da dobre posición que manteñen tanto o PSOE como Unidas Podemos sobre a necesidade de incrementar os fondos do Consorcio de Santiago, das obras de saneamento e abastecemento no rural compostelán, do proxecto para designar ‘Daniel Castelao’ a estación intermodal e de recuperar a vella terminal de Lavacolla como espazo público.

“Defenden unha cousa aquí e outra en Madrid”, afirmou Goretti Sanmartín en referencia á votación en contra das emendas do BNG que presentou o deputado Néstor Rego no Congreso. “Isto evidencia a submisión e falta de peso político do alcalde Sánchez Bugallo, que non é quen de esixir do Goberno do Estado a dotación de recursos económicos para o Consorcio despois do fiasco da chuvia de 182 millóns de euros que anunciaron no Real Padroado e que quedou en nada”, engadiu.

“Desde o BNG tamén cuestionamos que Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino votasen en contra deses proxectos, o que demostra desprezo por aumentar os investimentos na capital de Galiza, para dotar de servizos de saneamento e abastecemento do rural e por ter unha exposición permanente de Daniel Castelao na estación intermodal, ademais da denominación, un tema que xa fora aprobado en Pleno en xaneiro de 2019 por unanimidade e que o Goberno do Estado está a incumprir”, indicou.

“Desde o BNG chamamos á reflexión, tanto do PSOE como de Unidas Podemos, porque non poden seguir a castigar Santiago de Compostela nos Orzamentos do Estado, cando teñen que realizar uns investimentos que son fundamentais para revitalizar a Cidade histórica antes de que o patrimonio urbano sexa irrecuperábel, xa que nos últimos anos está a sufrir unha deterioración sen precedentes”, advertiu.

Ademais, explicou que cómpre reorientar as políticas de investimento do Goberno do Estado para frear a turistificación de Santiago de Compostela con medidas que vaian destinadas a gañar poboación, mediante a dotación de servizos básicos, melloras de accesibilidade, insonorización e a rehabilitación de locais para facer un viveiro de comercios e servizos de persoas autónomas na Cidade histórica.

Cuestionou tamén a falta de interese de PSOE e Unidas Podemos para recuperar as instalacións da vella terminal do aeroporto de Lavacolla, para destinala a actividades de formación, hangares e talleres de reparación, para xerar actividade económica e postos de traballo neste espazo abandonado e infrautilizado neste emprazamento estratéxico. “O alcalde agora é cómplice do Goberno do Estado de que a vella terminal de Lavacolla continúe nese estado de abandono”, sinalou Goretti Sanmartín.

Así, explicou que debería existir un maior compromiso por parte de PSOE e Unidas Podemos con Santiago de Compostela para conseguir fondos do Estado e realizar os investimentos que precisa esta cidade.

PSOE e Unidas Podemos rexeitan as emendas do BNG para incrementar os fondos do Consorcio de Santiago