PLENO

O BNG reclama a dotación de pediatra a tempo completo no centro de saúde das Galeras

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín propón a convocatoria urxente do Consello municipal de Saúde para demandarlle á Xunta o mantemento do servizo de Pediatría nas Galeras mediante unha posición común de defensa dos intereses da cidade

O BNG reclama a dotación de pediatra a tempo completo no centro de saúde das Galeras

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno de decembro contra o inminente recorte de profesionais da sanidade e, en concreto, de pediatras no centro de saúde das Galeras, que xa está a ocasionar unha dificultade para conceder as citas médicas.

“Ante a preocupación que nos trasladou a veciñanza, desde o BNG esiximos que a Xunta dote de pediatra a tempo completo o centro das Galeras, que atende a poboación do barrio e da Cidade histórica”, sinalou Goretti Sanmartín.

Isto vén motivado pola decisión do Sergas de compartir a praza de pediatra do centro de saúde das Galeras co de Bembribe, situado no Val do Dubra, o que vai empeorar a calidade deste servizo público nunha etapa vital de importancia para a prevención, diagnóstico e atención de doenzas infantís.

Así, o BNG reclama que o Sergas manteña a ratio de atención de pediatras con criterios para que haxa unha boa calidade deste servizo básico seguindo as características demográficas e epidemiolóxicas, ademais de facilitar os horarios para as familias que deben levar as crianzas a este centro sanitario.

“É unha vergoña que Feijóo queira aforrar neste tipo de profesionais, como son pediatras, cando constitúen un piar básico na saúde infantil”, advertiu a portavoz municipal en Raxoi, “o que demostra a súa falta de sensibilidade coas familias”.

Goretti Sanmartín propuxo tamén a convocatoria urxente do Consello municipal de Saúde co fin de demandarlle á Xunta, mediante unha posición común de defensa dos intereses da cidade, o mantemento da xornada completa de Pediatría no centro de saúde de Galeras, ademais de analizar e buscar solucións a outros temas que afectan á área sanitaria de Compostela.

 

O BNG reclama a dotación de pediatra a tempo completo no centro de saúde das Galeras