ORZAMENTOS

O BNG propón incrementar en máis de 20 millóns de euros as partidas dos Orzamentos da Xunta de 2022 para Santiago

Goretti Sanmartin e Iria Carreira
Goretti Sanmartin e Iria Carreira

Presentará unha iniciativa no Parlamento para duplicar a cantidade do Consorcio da Cidade, co fin de revitalizar o patrimonio e os servizos da Cidade histórica

O BNG propón incrementar en máis de 20 millóns de euros as partidas dos Orzamentos da Xunta de 2022 para Santiago

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, e a deputada parlamentar Iria Carreira presentaron as emendas aos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela e destacaron que, ademais das transversais para todo o país, propoñen incrementar máis de 20 millóns de euros estas partidas para 2022.

Así, Goretti Sanmartín realizou unha valoración dos Orzamentos previstos para Santiago de Compostela, “que confunden investimentos sen ter en conta que Santiago é a capital de Galiza e a capital administrativa, cando son internos da Xunta e do seu funcionamento”. “É un escándalo que conten como investimentos de Santiago os 4 millóns de euros da reforma dos edificios administrativos de San Caetano ou 1,8 millóns de euros da reforma dun edificio de Mazarelos, tamén da Xunta de Galiza”, engadiu. Do mesmo xeito, referiuse a outros investimentos “que sobardan a poboación de Santiago”, como os 9,5 millóns previstos para a ampliación do CHUS, que é unha obra necesaria mais que non pode computar asignada á localidade e que supón unha discriminación, porque vai causar graves prexuízos ao non dispor de aparcamento. En Santiago vai estar esa obra consignada en torno aos 60 millóns de euros fronte aos 400 da Coruña, onde van facer un novo hospital, explicou.

Duplicar a partida do Consorcio para revitalizar a Cidade histórica

Incidiu noutras cuestións que a Xunta non quere incluír nos seus Orzamentos “a pesar de publicitar en xullo de maneira propagandística unha choiva de 281 millóns de euros para o Consorcio da Cidade de Santiago, a través do Real Padroado”. Ao final, tanto a Xunta como o Estado non consignaron partida extraordinaria para 2022 “e, como sabemos o que acontece coas emendas da oposición e consideramos necesario debater sobre unha reforma estrutural do Orzamento do Consorcio que permita abrir liñas de axudas para insonorización de vivendas e para mercar e rehabilitar edificios co obxectivo de revitalizar a Cidade histórica, o BNG vai levar unha iniciativa á Comisión I do Parlamento pedindo que se amplíe a dotación dos 4,5 millóns de euros a 9 millóns que entendemos que debe poñer a Xunta para avanzar nese compromiso que, en caso de non se facer efectivo, suporá un engano e unha fraude á poboación”, advertiu.

Pola súa parte, a deputada Iria Carreira explicou que o BNG estima que o investimento que debe realizar a Xunta en Santiago de Compostela debe incrementarse en 20 millóns de euros. “Entre as demandas históricas que introducimos nestas emendas está o Estatuto de Capitalidade, para o que pedimos 2,5 millóns de euros, pois ten unha débeda acumulada que convén revertela canto antes”, sinalou. O PSOE agora móstrase favorábel a incrementar esta dotación, mais cómpre lembrar que o Goberno municipal votou en contra dunha iniciativa do BNG a comezos de mandato, en xullo de 2019, lembrou.

“Para a construción dun centro de día nas Fontiñas reclamamos 1,5 millóns de euros e para a escola infantil de Santa Marta 1 millón de euros”, explicou.

Convenio para saneamento e abastecemento por 1,5 millóns de euros

O BNG considera importante o convenio de saneamento e abastecemento de auga no rural, porque son servizos básicos para a poboación, con 1,5 millóns de euros. Tamén estima precisa a ampliación da Escola Oficial de Idiomas e do Conservatorio de Música para os que pedimos partidas de 500.000 e de 750.000 euros, respectivamente, ademais de dotar a cidade dunha infraestrutura tan importante como o Conservatorio de Danza, unha reivindicación do ámbito da cultura que o BNG xa trasladou tanto o Concello como ao Parlamento, para o que demandamos que se invistan 500.000 euros para o seu proxecto.

Entre as demandas de carácter transversal ao territorio nacional, destacou un programa de mobilización de vivenda baleira, por 500.000 euros para Santiago de Compostela, onde hai máis de 9.500 vivendas baleiras que supoñen o 17% das existentes. “Ligado a isto, tamén fixemos emendas para a construción de vivenda pública e para solventar as dificultades da xente nova para a súa emancipación, cun investimento de 1.300.000 millóns de euros”, engadiu.

En canto á atención da saúde mental e á prevención do suicidio, sinalou que ten gran repercusión para Santiago de Compostela, “para o que o BNG reclama 1 millón de euros, porque é a terceira causa de mortalidade neste concello”.

Emendas prioritarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza

O BNG demanda plans de emprego, tanto para persoas con diversidades como para a recuperación de persoas que están na emigración, cunha dotación mínima de 500.000 euros cada un deles.

“Outras infraestruturas que estima necesarias para Santiago son a adecuación e modernización dos centros escolares, das instalacións deportivas e non se pode demorar máis na construción dunha planta de compostaxe”, sinalou. Tamén se demanda un incremento da dotación para o Museo do Pobo Galego por 300.000 euros.

Estas emendas son prioritarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza e “cómpre  abrir un debate de que é preciso cambiar o rumbo que segue o PP á fronte da Xunta, con orzamentos que devalan a calidade de vida das persoas”, advertiu a deputada Iria Carreira.

 

O BNG propón incrementar en máis de 20 millóns de euros as partidas dos Orzamentos da Xunta de 2022 para Santiago