PLENO

Goretti Sanmartín propón incluír nos Orzamentos de 2022 a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Teodomiro

Reunión con veciñanza da rúa Bispo Teodomiro
Reunión con veciñanza da rúa Bispo Teodomiro
Trátase dunha vía con 10 tramos de escaleiras onde cada descanso é o acceso a un portal de vivendas cunha altura de entre 6 e 7 andares, o que xa motivou que diversas familias con crianzas e persoas maiores tivesen que marchar
Goretti Sanmartín propón incluír nos Orzamentos de 2022 a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Teodomiro

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, mantivo un encontro con veciñanza de Bispo Teodomiro ante a falta de accesibilidade motivada polas escaleiras existentes, tanto na rúa como nos edificios. Así, o BNG reclamará que o Goberno local inclúa nos Orzamentos de 2022 unha partida para a redacción dun Estudo de detalle para resolver as deficiencias detectadas, reconfigurando espazos para garantir a accesibilidade a todos os edificios da rúa do Bispo Teodomiro e a reurbanización da zona para gañar calidade de vida para a veciñanza deste barrio compostelán.

O tramo inferior da rúa do Bispo Teodomiro ten edificios construídos na década de 1970 onde residen arredor dun cento de persoas e, na actualidade, é unha vía con moito tránsito que presenta evidentes problemas de accesibilidade, ao estar configurada mediante 10 tramos de escaleiras onde cada descanso é o acceso a portal de vivendas cunha altura media de entre 6 e 7 andares.

“Segundo nos trasladou a veciñanza, faise necesario adoptar unha solución ao acceso interior dos edificios mediante ascensores situados no exterior dos inmóbeis, do mesmo xeito que a supresión das barreiras arquitectónicas na propia rúa de acceso”, explicou Goretti Sanmartín.  “O Concello de Santiago debe garantir o acceso universal ás infraestruturas, dotacións, equipamentos e servizos de acordo co estabelecido en distintas normas”, engadiu.

De feito, xa hai familias que tiveron que marchar deste barrio cando tiveron as súas crianzas e tamén persoas maiores con problemas de mobilidade, porque non podían saír e entrar das súas vivendas por existir eses tramos de escaleiras que ocasionan falta de accesibilidade.

Á comunidade de propietarios/as do edificio de Bispo Teodomiro, 2, denegóuselle o proxecto para a instalación dun ascensor exterior, presentado en xullo de 2019 cun orzamento de 98.175 euros. Porén, emitiuse un informe negativo do departamento de Urbanismo de decembro de 2019 coa xustificación de que esta actuación debería encadrarse nunha intervención conxunta que permita facer posíbel o acceso a cada un dos portais e estabelecer o emprazamento e formalización de cada unha das construcións que alberguen os ascensores.

Isto evidencia que cómpre unha intervención nesta zona situada no borde do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade histórica PE-1, para o que é necesaria a redacción dun Estudo de detalle para garantir a accesibilidade a todos os edificios da rúa do Bispo Teodomiro e a reurbanización da zona para gañar calidade de vida para a veciñanza deste barrio compostelán.

Goretti Sanmartín propón incluír nos Orzamentos de 2022 a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Teodomiro