PLENO

Goretti Sanmartín: “É escandaloso que o alcalde xustifique a redución horaria do servizo de pediatría das Galeras”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartin
Esa medida do Sergas que xustifica Sánchez Bugallo constitúe un retroceso e un empeoramento da calidade deste servizo primordial para a saúde infantil, ademais de provocar problemas de conciliación laboral e familiar
Goretti Sanmartín: “É escandaloso que o alcalde xustifique a redución horaria do servizo de pediatría das Galeras”

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021.- A portavoz do grupo municipal Goretti Sanmartín considera “absolutamente escandalosa” a resposta do alcalde de Santiago á proposta do BNG para que o Pleno reivindique que a veciñanza poida ter unha pediatra a tempo completo no centro de saúde das Galeras.

“A xustificación do alcalde sobre o número de cartillas necesarias do Sergas para asignar pediatra a tempo completo e un reparto horario en dous concellos, de tal maneira que teña xornada de 8:00 a 10:00 no Val do Dubra e a partir das 10:30 en Santiago de Compostela, é unha vergoña para a veciñanza de Santiago de Compostela, que ten dereito a ter unha pediatra a tempo completo e tamén para as propias profesionais, pola precarización do seu emprego e ter que andar dividindo e repartíndose entre distintos centros”, sinalou.

Así, advertiu dos problemas que isto vai ocasionar en canto á conciliación laboral e familiar co que vai acontecer cando unha persoa ten un neno ou nena enfermo e ten que agardar pola pediatra. Esa medida do Sergas que xustifica o alcalde Sánchez Bugallo constitúe un retroceso e un empeoramento da calidade deste servizo primordial para a saúde infantil.

“Ao alcalde de Santiago parece que lle interesa máis cubrirlle as costas ao Sergas, para quedar ben coa xestión sanitaria do Goberno do PP na Xunta, que non defender os dereitos da veciñanza para ter uns servizos de calidade e un horario pleno de pediatría”, concluíu.

Goretti Sanmartín: “É escandaloso que o alcalde xustifique a redución horaria do servizo de pediatría das Galeras”