CENTROS SOCIOCULTURAIS

Goretti Sanmartín: “As medidas cautelares do contrato dos centros socioculturais deben ser un punto de inflexión para o alcalde”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG reclama que os próximos pregos de contratación inclúan as propostas do tecido asociativo, do persoal traballador e dos grupos políticos para evitar a precarización dos servizos municipais
Goretti Sanmartín: “As medidas cautelares do contrato dos centros socioculturais deben ser un punto de inflexión para o alcalde”

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín advirte de que a adopción de medidas cautelares sobre o prego de contratación do servizo dos centros socioculturais vén confirmar os posíbeis erros e infraccións de procedemento aos que aludiu o BNG polas incoherencias detectadas e a precarización laboral dos lotes.

O pasado 22 de novembro, o BNG solicitou a retirada deste prego para facelo en mellores condicións e que responda ás necesidades de Santiago de Compostela, ante as contradicións e incoherencias entre os catro lotes en que agora se divide o contrato, que ían camiño de empeorar a calidade do servizo a pesar de supor un incremento do 22% do orzamento do contrato anterior, como advertira Goretti Sanmartín naquel momento. Ademais, o BNG presentou un recurso perante a Xunta de Goberno.

“Segundo tivemos coñecemento, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (Tacgal) resolveu adoptar a medida cautelar de suspensión da contratación da xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago nos catro lotes, en resposta ao recurso especial en materia de contratación presentado pola CIG”, explicou. Este recurso especial en materia de contratación é un instrumento para garantir o cumprimento da lexislación sobre contratos públicos e a corrección das posíbeis infraccións da entidade encargada de adxudicalos.

Co obxectivo de mellorar tanto este prego como os que o equipo de Goberno do PSOE ten en proceso de redacción, o BNG propón que se contrasten previamente as propostas a incluír nestes contratos tanto co persoal traballador de cada servizo, como demais grupos municipais, coas asociacións e coas persoas usuarias, que son as verdadeiras coñecedoras do seu funcionamento.

Erros detectados

Os problemas detectados nos pregos para ofertar o servizo son as incompatibilidades manifestas entre as horas do servizo de animación sociocultural, no lote I, coa apertura de bibliotecas, no lote II, e os horarios de apertura de distintos centros socioculturais, pois sinalan o horario de apertura de bibliotecas polas mañás cando os centros de Vite, Conxo, Santa Marta ou As Fontiñas só abren de tarde; ou o do Castiñeiriño que abre de mañá e non ten biblioteca.

Outra contradición é que no horario de atención ao público dise que se van contratar 14 persoas, mais coas horas asignadas só dá para media xornada, cando traballan a xornada completa e hai obriga de subrogar, co que parece que se vai precarizar ese emprego. Tamén se aprecia unha redución de horario de atención ao público, en que os centros poden desenvolver actividades, e en moitos queda reducido ao sábado pola mañá pois o número de horas previsto non dá para atender programas como “Doce doces”, “Galicreques” ou a “Rede Culural” que se ofertaban na fin de semana se van ver profundamente afectados.

Ademais, tamén se detectou a problemática ligada ao persoal que se quere subrogar porque os requirimentos para persoal de bibliotecas e de novas tecnoloxías son moi vagos e crean inseguranza tanto nas empresas como nas persoas traballadoras, porque non está claro as titulacións que teñen que ter.

Goretti Sanmartín: “As medidas cautelares do contrato dos centros socioculturais deben ser un punto de inflexión para o alcalde”