ORZAMENTOS

O BNG traslada 40 propostas que reclama a veciñanza para incluír nos Orzamentos de 2022

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Son medidas para incluír en todas as áreas co obxectivo de incidir na mellora da calidade de vida de Santiago de Compostela, tanto na zona urbana como no rural, con cuestións relativas á accesibilidade, comercio, protección social e ambiental, identidade cultural, feminismo e emprego
O BNG traslada 40 propostas que reclama a veciñanza para incluír nos Orzamentos de 2022

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, fixo entrega ao alcalde e á concelleira de Facenda dun documento para darlle prioridade a 40 propostas que reclama a veciñanza para incluír nos Orzamentos de 2022.

Segundo explicou, a maioría destas propostas foron aprobadas en Pleno e contan cunha gran demanda social, por se tratar de necesidades dos barrios e parroquias, e só requiren vontade política para levalas adiante pois son de escaso custe económico. “Outra parte precisa dun investimento maior, tal e como xa levamos manifestado en reiteradas ocasións, para o que demandamos que exista unha priorización plurianual e unha planificación coordinada entre os distintos departamentos municipais”, advertiu.

Para o BNG é fundamental que estes orzamentos de 2022 inclúan o mantemento dunha liña de axuda aos sectores afectados pola crise derivada da pandemia (cultura, comercio, hostelaría e turismo), así como a creación dunha liña de axudas aos sectores afectados polas obras, de maneira moi especial do Barrio de San Pedro e Os Concheiros, sinalou.

O BNG tamén reclama que se erixa unha estatua en homenaxe a Ánxel Casal, alcalde asasinado no franquismo; a construción dun aparcadoiro no Campus Sur de xestión pública; o cumprimento dos compromisos co rural en dotacións de saneamento e abastecemento; a convocatoria da liña de axudas para ONG e cooperación, a negociación coa Xunta para a cesión da parcela para construír o Centro de Día das Fontiñas e un Plan de mellora do barrio das Fontiñas.

Propón a dotación dun servizo de control do cumprimento dos pregos das empresas concesionarias con recursos e persoal suficiente, o cambio de modelo dos comedores escolares e a incorporación de partidas para cumprir os compromisos da Mesa de Negociación para a RPT e, moi concretamente, da garantía da carreira profesional, da promoción interna d@s bombeir@s e da creación do Grupo B.

Ademais, aposta polo proxecto para instalar unha planta de compostaxe comarcal, por un paquete de medidas para frear o despoboamento, a favor da conservación do comercio de proximidade e tradicional e de recuperación de espazos emblemáticos na Cidade histórica. Tamén defende o cumprimento do acordo de feminización das rúas, coa colocación das placas cos nomes de mulleres propostos polo BNG e aprobados no Consello Asesor de Condecoracións.

A humanización con dotación alternativa de aparcamento para a veciñanza de Ultreia, o parque de skate en Conxo-Santa Marta, a aposta por dotar a cidade dun Conservatorio de Danza, o plan de mellora e accesibilidade do barrio da Estila e Avenida de Salamanca e o plan de emprego xuvenil son outras das necesidades que traslada o BNG. Tamén incluíu un Plan para dotar Compostela de instalacións deportivas de calidade, coa construción dunha piscina olímpica, pistas de atletismo homologadas e desenvolvemento do proxecto da cidade da raqueta.

Require tamén a realización da homenaxe a determinadas persoas aprobadas no pleno (Emilio Lavandeira, Manuel Quintáns, Pilar Pereira...), a recuperación para a prestación directa de determinados servizos (por exemplo, o de Mantemento e conservación dos sistemas de control, regulación e xestión do tráfico, e do túnel urbano do Hórreo, o de mantemento e incidencias do sistema informático, o de xestión das multas ou o de iluminación), a posta en marcha de todas as medidas do Plan de normalización lingüística e velar tanto polo uso do galego como pola súa calidade en todas as actuacións municipais, a actuación integral en Guadalupe- Ponderosa (Vite) e a partida específica para obras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

Demanda, ademais, o Plan de mellora do remate das obras de Vista Alegre, a revisión da iluminación dos pasos de peóns, o estudo de detalle para instalar ascensores e urbanización de Bispo Teodomiro, o centro de asesoramento LGBTI, a construción dunha sala de usos múltiplos no CSC da Rocha Forte, a seguinte fase da obra de Castrón Douro-Sar, a humanización con beirarrúas e mellora de pavimentación na Rúa Mallou, a obra de humanización do Restollal, as beirarrúas nos Vilares e medidas de seguranza viaria na Gracia, a fase pendente das obras nos Basquiños-A Pastoriza e o remate das obras de Puente la Reina.

A listaxe complétase cun espazo para expoñer e facer intervencións didáctico-culturais coas escenografías de Kukas, cos parques cubertos no Castiñeiriño e nas Fontiñas, coa creación dun Museo de Fotografía, coa realización do proxecto de aparcadoiro soterrado de Belvís, coa reapertura da liña de traducións do Premio Novela Europea do Casino e coa recuperación do Premio literario Ánxel Casal.

“Deste xeito, son medidas para incluír en todas as áreas co obxectivo de incidir na mellora da calidade de vida de Santiago de Compostela, tanto na zona urbana como no rural, con cuestións relativas á accesibilidade, comercio, protección social e ambiental, identidade cultural, feminismo e emprego”, destacou.

“Agardamos que o Goberno local inclúa estas medidas fundamentais para Santiago avanzar nos próximos anos e desde o BNG anunciamos que faremos seguimento para que se executen os Orzamentos, pois no que vai deste ano 2021 -até o terceiro trimestre- só gastaron unha porcentaxe inferior ao 10% no capítulo VI de Investimentos, concretamente un 9,83% pese ás necesidades existentes”, advertiu. De feito, algunhas destas cuestións xa foron incluídas en anteriores exercicios mais seguen sen ser realizadas, o que supón un incumprimento por parte do equipo de Sánchez Bugallo.

Cómpre lembrar que o Goberno local aínda non entregou o documento por partidas desagregado que reclamou o grupo municipal do BNG para estudar e analizar os investimentos que teñen previstos para 2022, o que vai implicar un atraso considerábel na súa aprobación.

O BNG traslada 40 propostas que reclama a veciñanza para incluír nos Orzamentos de 2022