CONSELLO LOCAL
Xesús Domínguez renova o cargo como responsábel local do BNG de Santiago e destaca a implicación co asociacionismo e coa veciñanza
O BNG é un referente para reclamar melloras para os barrios e parroquias e iso tradúcese no incremento de resultados electorais nos últimos anos, explica
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021.- A asemblea do BNG de Santiago de Compostela aprobou, por unanimidade, a lista encabezada por Xesús Domínguez que prosegue como responsábel local, quen destacou a cohesión organizativa do equipo de traballo, a mellora dos resultados nos últimos procesos electorais e a activa participación en actos, mobilizacións e asociacións por parte da militancia e simpatizantes.
Con este proceso, enmarcado na XVII Asemblea Nacional do BNG, renovouse o 25% das persoas representantes no Consello local, para darlle continuidade á ampliación da base social nacionalista e ao traballo encamiñado a incrementar os resultados nas eleccións municipais no 2023.
“No BNG de Santiago temos o criterio de manter o contacto aberto e a implicación co asociacionismo e coa veciñanza, tanto na oficina municipal do BNG como a través do Consello local, para contar con aquelas persoas que queiran colaborar e facer propostas, porque entendemos que a política non é só votar cada 4 anos e que o conxunto da poboación pode participar de maneira directa”, explicou Xesús Domínguez na asemblea.
Pódese dicir que, nestes momentos, son diversos os colectivos que teñen como referencia o BNG de Santiago cando se trata de reclamar melloras para os barrios e parroquias, engadiu.
Así, a lista elixida está integrada por Xesús Domínguez Domínguez (responsábel local), Margarita Otero González (vicerresponsábel local), Anxo Álvarez Amado, Lois Calvelo Rozas, Iria Carreira Pazos, Júlio Conde López, Manuel Dacal Vázquez, Concha de la Fuente Vázquez, Marta Domínguez Domínguez, Mercedes Espiño Amil, Xoán Fernández Bello, Alexandre Garrido López, Sandra López Corral, Míriam Louzao Fernández, Xosé Manuel Marcote Baña, Iria Méndez de la Peña, Adrián Picón Iglesias, Navia Rivas de Castro, Goretti Sanmartín Rei e Rosa Valcárcel Vázquez.