PLENO
O BNG reclamará no Pleno que se axilicen as xestións para construír un centro de día público nas Fontiñas
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín anunciou que o BNG trasladará unha moción ao Pleno de decembro para que o Concello de Santiago realice as xestións necesarias coa Xunta para a cesión dunha parcela para a construción e posta en funcionamento dun centro de día público nas Fontiñas.
Goretti Sanmartín lembra que desde novembro de 2019, en que se aprobou unha moción do BNG para instar a Xunta á construción dun centro de día público no barrio das Fontiñas, non se coñecen avances por parte do Goberno local nin tampouco a intención da Xunta para a realizar. “De feito, a Xunta non demostra grande interese por mellorar as dotacións en política social de Santiago, á vista de que non se incluíu partida ningunha nos Orzamentos de 2020, 2021 nin 2022 para a construción deste centro de día”, afirmou.
Santiago de Compostela precisa deste centro de día para dar servizo ás persoas maiores e dependentes que residen neste barrio das Fontiñas transformado hai máis de 25 anos coa construción deste polígono de vivendas, pois xa hai máis de 17.000 habitantes censados nesa zona na actualidade, explicou.
Na iniciativa anterior do BNG propúñase o emprazamento deste centro de día na parcela DOC-15, que dispón de 3.000 m2, do Plan parcial das Fontiñas e que primeiramente ía ser destinada á construción dunha residencia de maiores.
A portavoz municipal do BNG recordou que, en xullo de 2018, Alcaldía e Xunta asinaron un convenio para a cesión desa parcela das Fontiñas onde estaba previsto construír a nova residencia para maiores en Santiago que ía contar con 150 prazas, que logo se trasladou ao Castiñeiriño.
Así, o BNG demandará que se axilicen estas xestións entre o Goberno local e o Goberno da Xunta ante a necesidade de contar cun centro de día público neste barrio das Fontiñas, co fin de mellorar os investimentos e dotacións en política social en Santiago de Compostela.