PLENO
O BNG defenderá no Pleno que se apliquen as medidas do Pacto polo Rural para paliar o déficit histórico de investimentos e servizos
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021.- O grupo municipal do BNG presentará no Pleno de decembro unha iniciativa para que o Goberno local aplique as medidas contidas no Pacto polo Rural a que se comprometeron en 2019 todos os grupos políticos coa Ferusa.
“No Pacto polo Rural fixamos o compromiso de todos os partidos políticos a respecto das accións mínimas a desenvolver no rural de Santiago nun horizonte temporal de oito anos, superando os períodos de catro anos dos mandatos e os tempos electorais, con fin de garantir a estabilidade mínima precisa”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Porén, transcorreron dous anos sen a posta en marcha do Pacto polo Rural, polo que cómpre encamiñar os Orzamentos municipais de 2022 e seguintes, xunto coas accións do Goberno local, á consecución das prioridades do asociacionismo veciñal.
“Non vale dedicar exclusivamente os cartos da Deputación da Coruña, do POS, do Plan de Obras e Servizos, senón que o Concello de Santiago ten que tamén poñer unha cantidade orzamentaria, ano a ano, para que sexa unha realidade o Pacto polo Rural”, afirmou Goretti Sanmartín.
O obxectivo é conseguir un reequilibrio territorial e paliar o déficit histórico de investimentos naqueles barrios e parroquias que carecen de servizos básicos como saneamento e abastecemento, recollida selectiva de residuos, liñas e frecuencias adecuadas de transporte urbano, sinalización e marquesiñas de autobús, accesibilidade, actividades socioculturais e medidas de conservación do patrimonio, entre outras, sinalou. “Entendemos que se debe solucionar a necesidade de saneamento e abastecemento que numerosas parroquias de Compostela non teñen a estas alturas do século XXI”, engadiu a portavoz municipal.
O Pacto polo Rural estabelece, ademais, unha serie de prioridades que o Concello de Santiago deberá acometer de xeito transversal, dentro dos orzamentos dos distintos departamentos ou ben grazas ás achegas doutras entidades, tales como axudas europeas, axudas de compensación da Xunta de Galiza e fondos do Estado.
“O obxectivo era que no prazo de oito anos desde o compromiso do Pacto polo Rural de Santiago de Compostela, é dicir, no período que vai de 2020 a 2027, se consiga unha mellora significativa do estado actual do rural municipal”, advertiu, “mais o Goberno local aínda non adoptou as medidas necesarias para a súa aplicación, pese ao acordo plenario de setembro de 2019 e ao compromiso de todos os grupos na campaña electoral”.