PLENO
Apróbase a moción do BNG para organizar unha media maratón en Santiago de Compostela
Reclamou facer efectiva a liña de axudas prevista para a Coordinadora de ONGD para 2022 e reactivar o Consello Municipal de Cooperación
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.- O BNG trasladou ao Pleno de maio diversas mocións que se debateron na sesión da tarde para que o Concello inicie os trámites e resolva as carencias existentes en dotacións deportivas para optar ao título de “Santiago de Compostela, Cidade Europea do Deporte” e para organizar, en colaboración con clubs deportivos, unha media maratón para fomentar a práctica desta modalidade e atraer profesionais e afeccionados/as neste ámbito.
Así, aprobouse a iniciativa para realizar os trámites para optar ao título de Cidade Europea do Deporte, que é outorgado por CES Europe cunha validez dun ano en que a cidade galardoada ten que crear un calendario de actividades deportivas, ademais de celebrar un congreso ou evento internacional e presentar unha memoria ao final do ano. Santiago, así, pode principiar os preparativos e resolver as carencias en infraestruturas deportivas co fin de optar a esta distinción en 2023 e, de non ser posíbel, que sexa realidade en 2024. Aprobouse cos votos de BNG e CA e as abstencións de PP e PSOE.
Na outra moción do BNG sobre deportes expúxose que Santiago de Compostela é unha cidade con grande afección polo running e o trail. De feito, a carreira pedestre celebrou en 2019 a súa 42 edición, que se viu interrompida pola pandemia en anos posteriores, e tamén son ben coñecidas as carreiras Sant Yago convocadas nos últimos anos para animar a xente a correr e gozar á vez de Santiago. Ademais, hai numerosas peticións de clubs e deportistas afeccionados/as para conseguir novas pistas de atletismo. Así, Santiago de Compostela pode organizar unha media maratón ou maratón como teñen Vigo, Pontevedra, Ferrol, A Coruña e Lugo. Aprobouse esta moción para organizar unha media maratón en Santiago de Compostela cos votos a favor de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE.
Na terceira moción do BNG reclamouse facer efectiva a liña de axudas prevista para a Coordinadora de ONGD para 2022 e reactivar o Consello Municipal de Cooperación. Representantes desta coordinadora advertiron do incumprimento do Goberno local dos compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza, xa que deixaron sen executar máis de 500.000 euros orzados desde que Xosé Sánchez Bugallo entrou na Alcaldía de Santiago, nuns anos especialmente complicados para os colectivos máis vulnerábeis. Aprobouse esta moción cos votos de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE.
O BNG esixiu na negociación para os Orzamentos de 2022 que se puxese en marcha a convocatoria para a cooperación ao desenvolvemento e que se incorporasen tamén os atrasos de anos anteriores e, daquela, o Goberno do PSOE comprometeuse a facer realidade esta petición. A pesar diso, levan meses sen atender as peticións de reunión deste colectivo e isto é un exemplo da falta de diálogo do que acontece noutras áreas.
No apartado de rogos, a concelleira Navia Rivas reclamou que se adopten as medidas necesarias para evitar a corta de árbores á beira do Sarela. O pasado 6 de abril publicábase no BOP o anuncio de información pública do “Proxecto do colector interceptor xeral da conca alta do río Sarela en Santiago de Compostela.” Neste anuncio aparece a relación de bens e dereitos afectados cunha listaxe de 500 árbores, polo que se entende que van ser cortadas. Deste xeito, solicitou do Goberno local que realice as xestións oportunas co Ministerio para a Transición Ecolóxica para que nas obras deste proxecto no río Sarela se busque outra alternativa que evite a eliminación de árbores.
Outro rogo do BNG foi para mellorar a seguranza viaria na Almáciga, coa restauración das beirarrúas, sinalización para bicicletas, regulación e reordenación do tráfico, ademais de realizar unha campaña de sensibilización sobre o tráfico. Estas actuacións deben ir acompañadas dun regulamento e control do tráfico, xunto cunha campaña de sensibilización de seguranza viaria, no horario de entrada e saída do centro de ensino na rúa do Pino, rúa do Proxecto Vagalume e rúa Betanzos.
O BNG tamén demandou, mediante un rogo, a inspección da empresa concesionaria de recollida de residuos. Así, demandou que o Goberno local proceda a explicar os prazos para poñer en marcha o estipulado no novo convenio coa empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos e adopte as penalidades oportunas, en caso de incumprimento, e realice unha inspección para vixiar que contrata o persoal necesario a través da bolsa de traballo e que dispón dos vehículos e colectores que figuraban no prego co que gañou o concurso público.
O comité de empresa manifestou a súa preocupación logo dos reiterados incumprimentos do contrato de recollida de residuos e ante a entrada en vigor do novo que foi adxudicado á mesma empresa, tendo en conta que hai déficit de persoal, porque non se cobren as baixas, nin existen medios materiais e recursos suficientes. Estas carencias nótanse nas rúas porque non hai brigadas suficientes, non se varre onde é necesario e só se recolle o lixo máis voluminoso. É necesario un control estrito da empresa concesionaria que non cumpre, entre outras cuestións, o procedemento da bolsa de traballo existente ao non respectar a antigüidade para poder ter posibilidade de optar a contratos indefinidos tras xubilacións parciais ou totais. Así, reclaman a contratación das persoas que a empresa ofertou na adxudicación, que se conforme o número de brigadas suficientes e a utilización de contedores adecuados para cada tipo de residuo.
Nunha pregunta oral, o BNG reclamou un seguimento da coordinación das frecuencias de autobuses -en especial das liñas L6, L6A e L12- que fan parte de traxecto similar para corrixir os desaxustes e adecualas á necesidade dos intervalos horarios de paso cada 15 ou 20 minutos, co fin de facilitar a mobilidade e de fomentar o uso do transporte público. As liñas L6 e L6A que fan un traxecto cunha parte en común de San Marcos aos Tilos, xunto coa L12 dos Tilos aos hospitais que comparten percorrido, deben ter unha maior coordinación de frecuencias para dar servizo continuado no tempo e fluído á veciñanza.
Outra das preguntas do BNG foi para lembrar o acordo plenario de febreiro de 2021 para a dotación de instalacións deportivas, parque xerontoinfantil, campo da festa e espazo de lecer na parcela de titularidade municipal en que na actualidade o Goberno local quere instalar unha plataforma loxística de transporte de mercadorías. Deste xeito, preguntou cal é o espazo alternativo que propón o Goberno local para esas dotacións que reclama a veciñanza en caso de que vaia adiante a plataforma loxística de transporte nese emprazamento.
A terceira das preguntas do BNG foi para que o Goberno local realice unha reclamación á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a zonificación das áreas de traballo (e mentres non se realice permitir que aparquen en calquera zona ORA), ademais de cominar á actualización e cumprimento do convenio colectivo para garantir os seus dereitos laborais e a realizar unha campaña divulgativa das súas funcións onde se primen no plan de traballo de servizos sociais municipais os labores de acompañamento e ximnasia nun 80% e de aseo persoal e limpeza básica nun 20% do horario.