PLENO

Apróbase a proposición do BNG para crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI en Santiago

bandeira LGBTI
bandeira LGBTI
Outra das iniciativas que trasladou o BNG ao Pleno foi unha interpelación sobre a falta de incremento orzamentario para o sector cultural
Apróbase a proposición do BNG para crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI en Santiago

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno a proposta para crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI, alén das actividades que se organicen para conmemorar o 28 de xuño. Votaron a favor BNG, PSOE e CA; o PP abstívose.

Este servizo de asesoramento e apoio LGTBI en Santiago debe contar, cando menos, cunha traballadora social, cunha avogada e cunha formadora e asesora; coa intención de que tramiten axudas sociais para o colectivo en coordinación coas asociacións e procedan á elaboración dun plan de actuación que analice o impacto da crise da covid-19 na poboación LGTBI en Compostela. Ofrecerá tamén os labores correspondentes a un Servizo municipal de orientación laboral, cunha bolsa de traballo local e promoción nas empresas da cidade e das distintas medidas da Xunta para o fomento da contratación de persoas trans. Entre as súas funcións estará a creación dun Observatorio municipal contra as violencias lgtbifóbicas, en coordinación con asociacións e policía local, xunto cun instrumento para denunciar e contabilizar casos de agresións.

Outra das iniciativas que trasladou o BNG ao Pleno foi a proposta de cambio de nome da avenida Rei Juan Carlos I, logo da investigación aberta por parte da Fiscalía e dos motivos que o levaron a abdicar. O BNG propuxo que o nome que debe recibir a avenida sexa acordado con especialistas e consensuado na Comisión de Condecoracións, coa idea de recuperar a toponimia tradicional dese emprazamento, segundo explicou a concelleira Navia Rivas. PP e PSOE votaron en contra, polo que non se aprobou.

Ademais, Goretti Sanmartín defendeu unha moción para que o Concello de Santiago de Compostela poña en marcha un plan de actividades extraescolares e de conciliación, de acordo coa comunidade educativa, a partir do vindeiro curso e durante todo o ano. O BNG reclama tamén no texto desa iniciativa que mentres non se aplique e as ANPA continúen a suplir boa parte deste cometido, o Concello de Santiago de Compostela colaborará na posta a disposición dos centros e instalacións municipais para desenvolver as actividades, en labores como limpeza e desinfección dos mesmos e dará as facilidades que se requiran para a concesión de bolsas destinadas a familias con poucos recursos. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA; o PP abstívose.

Ademais, Goretti Sanmartín realizou unha interpelación sobre a programación cultural, motivada porque o Goberno local non presentou un plan de reactivación para facerlle fronte á crise derivada da covid-19. No Pleno de 28 de maio de 2020 aprobouse o Plan de Revitalización Cultural a iniciativa do BNG con medidas por 1,5 millóns de euros de cara a reorientar a programación e adaptala a pequenos formatos para que nos meses de xullo, agosto e setembro Santiago se poida fortalecer este sector. Así, preguntou por que non se puxo en marcha nin se incrementaron as partidas destinadas a axudas ao sector profesional e asociacións culturais pese ao apoio que requiren das administracións para paliar a situación de crise derivada da pandemia.

No apartado de preguntas, o BNG trasladou unha iniciativa para coñecer se o Goberno local ten previsto reclamarlle a Urbaser que cubra o persoal que lle corresponde de acordo co prego de condicións do contrato, posto que non está a suplir as vacacións nin as baixas laborais, o que representa un incumprimento na prestación deste servizo público. Segundo información achegada polo comité de empresa de Urbaser Santiago, na actualidade, a quenda de horario de mañá está a ser atendida por 17 persoas menos das que corresponden, o que supón unha importante perda de recursos e unha carga de traballo adicional que provoca a obriga de estender o tempo de traballo fóra do horario previsto. Isto débese a que a empresa non suple o persoal que se encontra en período de vacacións ou de baixa laboral. Ao fío desta iniciativa, interveu Ricardo Méndez, portavoz do comité de empresa.

Un dos rogos foi para reclamarlle ao Goberno local a recollida de residuos esparexidos nas marxes da rede viaria da parroquia da Peregrina. O BNG recibiu queixas da veciñanza pola situación en que se encontran as beiras de diversas estradas da parroquia da Peregrina con botellas, latas, papeis e restos de envoltorios que acaban nas cunetas. En concreto, nos tramos da Peregrina cara a Sarela de Arriba e Trazo, de Aradas ao Bargo e a vía a Pardaces son algúns dos puntos que concentran gran cantidade de lixo.

Outro rogo foi motivado porque o BNG recibiu queixas da veciñanza de Patio de Madres polo deterioro que sofren algunhas vivendas en desuso. En concreto, algúns destes edificios acumulan vexetación na cuberta, teñen tellas soltas e as galerías con tramos rotos e descoidados, o que pode entrañar perigo de desprendemento dos seus materiais para as persoas que transitan pola rúa, unha situación que se agrava cada vez que hai un temporal de vento. Así, reclamoulle ao Goberno local que inspeccione e requira o arranxo destas vivendas situadas en Patio de Madres para recuperar o seu valor patrimonial e evitar que se produzan danos.

Mediante unha pregunta escrita, o BNG reclamoulle ao Goberno local que lle requira á empresa concesionaria do servizo de augas que efectúe o labor para soterrar de xeito correcto, a 1 metro baixo a calzada como indica a normativa, a canalización de abastecemento de auga na rúa de Monte Pío que, segundo queixas da veciñanza, está soterrada entre 15 e 30 cm, o que lle ocasiona problemas para o seu consumo.

Apróbase a proposición do BNG para crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI en Santiago