PLENO
PSOE e PP votan en contra da iniciativa do BNG para cambiar o nome da avenida Juan Carlos I en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020.- O grupo municipal do BNG de Santiago trasladou ao Pleno unha proposta para convocar a Comisión de Condecoracións para restituír o nome da avenida del Rey Juan Carlos I por outra denominación acordada por consenso e coa idea de recuperar a toponimia tradicional dese emprazamento. Coa actitude contraria de PP e PSOE, que votaron en contra desta moción, o BNG considera que están a lexitimar as actuacións de Juan Carlos de Borbón, pese a que o propio Rei Felipe VI renunciou á súa herdanza ante as presuntas irregularidades da procedencia do seu diñeiro.
O PP e o PSOE composteláns demostran que seguen instalados no pasado, ao defender a monarquía “faga o que faga”, e non están dispostos ao cambio pese á acumulación de feitos que poderían ter repercusión penal porque Juan Carlos de Borbón xa non está amparado pola inviolabilidade que lle confería o artigo 56.3 da Constitución española como xefe do Estado e os indicios delituosos que se investigan son posteriores ao 19 de xuño de 2014, data da súa abdicación.
Do mesmo xeito, PP e PSOE seguen na liña de negarse a crear unha comisión de investigación no Congreso sobre as posíbeis irregularidades fiscais do Rei Emérito, cando a propia Casa Real lle retirou a súa asignación en canto a Fiscalía iniciou a investigación polo cobro de supostas comisións de empresas na construción do AVE de Medina á Meca, en Arabia Saudí.
Así, para o BNG non é digno que unha das avenidas centrais de Santiago de Compostela leve o nome dunha persoa investigada por branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal; ademais doutros feitos derivados do abuso e do privilexio dos cargos que ostenta. Sostén que intentar ocultar as posíbeis prácticas fraudulentas e corruptas incide no descrédito da Casa Real e da Monarquía, unha institución anacrónica e incompatíbel cun sistema propiamente democrático.
A avenida del Rey Juan Carlos I é unha prolongación da avenida Rosalía de Castro, pola que transcorría o denominado Camiño Novo. Tivo con anterioridade distintas denominacións como avenida de Martínez Anido, avenida da Liberdade, Camiño Novo, Campo da Feira ou Camiño de Pontevedra, entre outros. De feito, a Asociación Galega de Onomástica facilitou un informe para a recuperación da toponimia tradicional neste emprazamento de se aprobar a posibilidade de cambio de denominación.