PLENO
Apróbase a proposición do BNG para favorecer as vivendas e familias monoparentais no ámbito económico e educativo
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defendeu unha proposición do BNG para que o Concello de Santiago de Compostela aplique, de xeito progresivo, medidas para contribuír a recoñecer e normalizar os fogares en situación de monoparentalidade e de familias monoparentais que favorezan as condicións de igualdade no ámbito económico e educativo, con especial atención á protección das e dos menores. Aprobouse por unanimidade cunha emenda do PSOE.
A batería de medidas que propuxo o BNG no Pleno para aplicar en Santiago inclúe bonificacións económicas, descontos e puntuación nos baremos que favorezan e apoien estas familias. Inclúe descontos en teatros, museos e actividades musicais, tamén na matrícula da Escola Municipal de Música; na preferencia de escoller quendas de traballo laborais no Concello, nas empresas concesionarias e nas actividades de verán e de conciliación cando só hai un membro adulto da familia para facerse cargo do/a menor. Van encamiñadas tamén ao recoñecemento á diversidade dos distintos modelos de familias existentes para aproveitar que no 15 de maio, Día da Familia, se poidan facer actividades públicas nese sentido; e para que nas bibliotecas existan libros e contos con esta temática, entre outros.
O BNG considera que as administracións deben facer acompañamento ás familias monoparentais e por iso xa trasladou ao Parlamento galego en 2018 unha Proposición de Lei que foi rexeitada cos votos en contra do PP e que supoñía un avance importante para as familias monoparentais, tanto para o seu recoñecemento como para distintas axudas e bonificacións.
Actividades sobre o Grupo Nós, convertida en declaración institucional
Outra das iniciativas do BNG, que se converteu en declaración institucional, foi destinada a que o Concello de Santiago desenvolva actividades de recoñecemento, divulgación e investigación sobre o labor do Grupo Nós na celebración do centenario da súa revista. Así, o Concello de Santiago elaborará unha programación específica en 2020 sobre o Grupo Nós e a súa relevancia para a cultura galega en xeral e para Santiago de Compostela en particular.
O Concello de Santiago colaborará con outras institucións da cidade, nomeadamente coa Universidade, para coordinar a programación e para poñer en marcha proxectos máis ambiciosos co obxectivo de salientar a relevancia do Grupo Nós e de estender ao conxunto da poboación a mensaxe das súas ideas e logros na etapa que protagonizaron. Tamén se procura que o Concello de Santiago colabore e apoie aquelas iniciativas que xurdan da base asociativa e cultural para pór en valor e render a homenaxe que merecen as figuras desta etapa da nosa historia lingüística e literaria.
Difusión da oferta cultural para o turismo
Outra moción do BNG que se converteu en declaración institucional e aprobada por unanimidade foi encamiñada a que o Concello de Santiago difunda, en colaboración co sector turístico, a oferta cultural co obxectivo de que a programación sexa coñecida nos lugares de orixe e sirva como reclamo cando a xente organiza a súa viaxe. A iniciativa recolle na proposta de acordo que o Concello de Santiago elabore unha programación cultural específica dirixida ás persoas que nos visitan con compañías, con especial representación dos grupos composteláns que conforman a cultura de base. O outro punto vai encamiñado a que o Concello de Santiago difunda e promocione, en colaboración co sector turístico (hostalaría, axencias de viaxes, oficinas de información...) e con todos os axentes implicados esta oferta cultural co obxecto de ser coñecida tamén inicialmente en orixe. Propón tamén un diálogo co sector sobre todo no que se refire á coordinación de axentes e programación interinstitucional, de entidades, de utilización dos equipamentos e dotacións municipais para que estean ao servizo das persoas que crean cultura no noso concello.
Pregunta sobre a musealización do legado dos Monicreques de Kukas
O grupo municipal do BNG preguntoulle ao alcalde que pasos deu para facer efectivo, en colaboración con outras administracións, o acordo plenario para a cesión e musealización do legado dos Monicreques de Kukas, que veñen de recibir o Premio da Cultura na modalidade de Artes Escénicas cando celebra 40 anos de existencia. Por iniciativa do BNG, no Pleno de xaneiro de 2017 acordouse subscribir un convenio de colaboración con Monicreques Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago de Compostela.
Mapa de rutas do transporte, colapso de tráfico nas escolas e Escola de Música
Ademais, o BNG trasladou ao Pleno a reclamación de 170 persoas usuarias de autobús para mellorar a frecuencia de liñas na ruta da Volta do Castro. Realizou unha pregunta para solucionar esta deficiencia detectada no transporte público co fin de incrementar a frecuencia de paso dos autobuses por Volta do Castro e de mellorar a mobilidade no barrio de Santa Marta.
Na mesma iniciativa, demándase información sobre o novo mapa de rutas dos autobuses urbanos, xa que existe preocupación en diversos barrios e parroquias sobre a nova proposta de reforma das frecuencias e das liñas. Así, o BNG fará seguimento para que se atendan estas peticións veciñais para mellorar o transporte público.
Unha pregunta foi para coñecer se o Goberno local ten previsto adoptar medidas para solucionar o problema de colapso de tráfico e de seguranza viaria que se produce diariamente na contorna de determinados centros escolares.
Outra das preguntas do BNG foi para saber se o Goberno local vai cumprir o acordo plenario de maio de 2018, que contou co voto a favor de nacionalistas e socialistas, para realizar un estudo para asumir a xestión directa da Escola Municipal de Música e darlle continuidade ao proxecto educativo, que leva desde novembro de 2017 sen contrato e nunha situación irregular, co fin de ofrecer un servizo público de calidade que atenda os principios de equidade social e rendibilidade para as arcas públicas.