MOBILIDADE
Goretti Sanmartín reclama unha Xunta de Portavoces para evitar que a construción do novo aparcadoiro no campus caia en mans privadas
Defende que sexa de xestión pública, con prezos reducidos como o de Belvís e Xoán XXIII, ademais de estar orientado á veciñanza e ao comercio de proximidade
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que cambie de rumbo e faga as xestións necesarias para que o novo aparcadoiro no Campus Vida sexa de xestión pública, con prezos reducidos como o de Belvís e Xoán XXIII, ademais de estar orientado á veciñanza e ao comercio de proximidade. Para iso, reclama a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces para evitar que o PSOE caia na tentación de darlle os beneficios dese novo aparcadoiro a mans privadas e con tarifas desorbitadas.
Goretti Sanmartín ve con bos ollos “a proposta de crear unha zona de aparcamento en exterior que daría servizo á comunidade da USC, ao Hospital Clínico e como zona de estacionamento disuasorio de borde, que contribúe a humanizar e reducir vehículos no campus e que mesmo pode ser compatíbel co proxecto de senda peonil que conecte os dous campus e humanice este espazo, en consonancia co proposto desde a Xerencia da USC”. Mais esta proposta non é incompatíbel coa de crear o aparcadoiro público na avenida da Coruña ou nalgún emprazamento dos arredores, “mesmo podería habilitarse para iso a parcela de Farmacia na praza do Seminario de Estudos Galegos”, advertiu a portavoz do BNG.
Independentemente de que haxa un novo aparcadoiro de borde, para o BNG é fundamental que se habilite unha nova zona de estacionamento no campus sur para reducir os coches en superficie e dar servizo ao comercio e ás vivendas do Ensanche con prezos reducidos.
Deste xeito, explicou que o BNG leva anos a reclamar un aparcadoiro de xestión pública no campus, integrado en TUSSA, cun modelo de construción que non representa problema económico para as arcas municipais “pois pode recuperar parte do investimento coa venda dun número determinado desas prazas a residentes, outra zona reservada á USC e o resto en rotación a prezos módicos”. Esta proposta vai na liña de contribuír a mellorar a mobilidade no campus e no Ensanche ao eliminar tráfico flotante que circula na procura de aparcamento.
O modelo que propón agora o alcalde pode supoñer un negocio para a construción privada que despois tampouco vai servir para regular a política de prezos, que serán insensíbeis ás necesidades da poboación de Santiago de Compostela. “A existencia doutro aparcadoiro público é o que pode garantir a política de non incremento de prezos ou mesmo a redución das tarifas dos privados”, engadiu.
“Para o BNG é crucial desterrar ese modelo que encarece os prezos de estacionamento cando hai solucións para facer viábel un terceiro aparcadoiro de construción e xestión pública, como o de Belvís e Xoán XXIII, que dan beneficios” segundo lle lembra Goretti Sanmartín a Xosé Sánchez Bugallo.