INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín cualifica de “boa nova” o acordo do BNG para a Investidura que inclúe medidas que benefician Compostela

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Destaca a rebaixa na AP-9, o Xulgado de Violencia de Xénero, melloras para emigrantes retornados e o financiamento do 50% da Lei de Dependencia
Goretti Sanmartín cualifica de “boa nova” o acordo do BNG para a Investidura que inclúe medidas que benefician Compostela

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020.-  A portavoz do grupo municipal BNG, Goretti Sanmartín Rei, cualificou o acordo de Investidura do BNG co PSOE de “boa nova para Santiago de Compostela e para Galiza” porque contribúe a frear a extrema dereita e á demostración da utilidade do voto ao BNG, que serve “para defender os intereses das galegas e dos galegos e tamén para blindar as liberdades e os dereitos sociais”.

No BNG conseguíronse nunha semana “melloras para o conxunto da poboación en maior nivel que o feito por Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular nunha década e iso fai que estean especialmente nerviosos, o que significa que algo se move” e que este 2020 pode ser un ano importante con cambios na política galega.

Con respecto a Santiago de Compostela, destacou as medidas que benefician dese acordo entre BNG e PSOE que facilitou que poida haber un Goberno no Estado. Referiuse ao acordo sobre a transferencia da AP-9 para se converter nunha autoestrada galega, acompañada da rebaixa nas peaxes e da bonificación do 100% naquelas persoas usuarias recorrentes, as que fan viaxes de ida e volta, tanto para particulares como para profesionais do transporte.

É importante tamén o acordo para que se cree un Xulgado específico para violencia de xénero en Santiago de Compostela, unha reclamación que se fixera nunha declaración institucional no Pleno de outubro de 2019, igual que os conseguidos para Lugo e Ourense, xunto coas modificacións legais oportunas para que os delitos sexuais sexan considerados violencia de xénero.

Tamén en Santiago de Compostela hai un número importante de persoas emigrantes retornadas “que se van ver beneficiadas dun acordo que remata coa súa discriminación histórica, con esa dobre tributación das pensións internas e externas e o prexuízo que lles causa”.

Inclúe tamén a contribución do Estado a través da Lei de Dependencia a compensar as características particulares da poboación galega como a dispersión e o envellecemento, como os atrasos que levaba anos sen ser financiados, co que se incluirá ese 50% que ten que poñer o Estado para cumprir o financiamento da Lei de Autonomía Persoal e de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.

Outra das medidas é a necesidade de mellorar as taxas de reposición de efectivos nas administracións públicas, que afecta especialmente a Santiago de Compostela e a todos os concellos, igual que a sanidade, a educación e os servizos públicos en xeral. Así como a reforma das pensións, a derrogación da LOMCE e da Lei Mordaza, que fan que sexa “un acordo magnífico para Santiago de Compostela, que celebramos, e do que faremos un estrito seguimento para que se cumpra”, advertiu.

Para alén destas cuestións conseguidas para Santiago de Compostela e para Galiza, hai outras que o novo Goberno do Estado ten que desbloquear e que levan tempo pendentes. Lembrou, así, a proposición do BNG que foi aprobada en novembro de 2019 para demandar do Executivo entrante. Desa listaxe comezou o inicio da licitación para completar o Orbital, mais hai outras como a estación de mercadorías da Sionlla, o plan de usos para a vella terminal da Lavacolla, o cambio de nome do aeroporto Rosalía de Castro, o proxecto de humanización da rotonda de Conxo, a construción da nova estación depuradora, as obras de seguranza viaria no Eixo e na Sionlla, a cesión de terreos do campo de tiro de Bando ou a revisión do convenio da estación intermodal para eliminar a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros que pode condicionar esta obra.

“Comezamos un xaneiro con boas noticias e despois do intenso traballo feito polo BNG nas últimas semanas a este respecto, só nos queda transmitir que tanto desde o punto de vista nacional como local faremos un seguimento estrito do acordo de investidura cos prazos para que sexa unha realidade”, asegurou a portavoz municipal nacionalista en Raxoi, “e desde o Concello de Santiago de Compostela xa a nivel institucional correspóndelle á Alcaldía e ao Goberno municipal que se poña todo o necesario para que os compromisos pendentes se fagan unha realidade”.

Orzamentos municipais: un trimestre perdido de 2020

A preguntas de xornalistas sobre os Orzamentos municipais, afirmou que o Concello de Santiago “continúa nun impás ao non ter a estas alturas de ano nin un borrador, o que nos parece unha desidia por parte do Goberno municipal”. “Levamos meses agardando a que houbese unha proposta de Orzamentos enriba da mesa para poder falar e conforme vai pasando o tempo, menos tempo queda para poder executar”, sinalou, co que logo se converten “en cuestións prometidas mais non realidades cumpridas”.

O BNG recibiu unha chamada para unha reunión sobre os orzamentos pero parece “escandaloso” que sexa para unha convocatoria “e non para dar un documento, un texto, unha proposta de primeiro borrador para comezar a falar”. “Se nin sequera hai borrador é imposíbel que os Orzamentos vaian a Pleno no mes de xaneiro, o que supón que despois das negociacións e alegacións será un primeiro trimestre perdido para a súa execución”, explicou.

Recordou tamén que Santiago conta cun Goberno en minoría “que necesita o apoio doutras forzas para sacalos adiante e desde logo parece insuficiente unha chamada para un primeiro contacto para o 10 de xaneiro”.

Sinalou que este Goberno de Bugallo ten “moi pouca axilidade, moi pouca rapidez e moi pouca capacidade para poñer enriba da mesa cuestións tan importantes como os Orzamentos municipais, que son os que marcan as políticas sociais, de desenvolvemento, de necesidades de barrios, de parroquias, rural e urbano e as principais liñas de traballo”.

Goretti Sanmartín cualifica de “boa nova” o acordo do BNG para a Investidura que inclúe medidas que benefician Compostela