PLENO
Apróbase por unanimidade a proposición do BNG para recuperar as esculturas do Mestre Mateo que levou Franco
O BNG rexistrou 12 iniciativas para a sesión plenaria de setembro, que atenden reivindicacións da veciñanza de Compostela
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago de Compostela defendeu no Pleno unha proposición para recuperar, para o patrimonio municipal, as dúas tallas de Mestre Mateo en poder da familia Franco que foron mercadas en 1948 polo Concello de Santiago coa condición, como consta nas investigacións existentes, de que non abandonasen o termo municipal. Contou co voto a favor de todos os grupos municipais.
Ademais, a concelleira Goretti Sanmartín Rei reclamou que o Goberno municipal inste á Xunta de Galiza para iniciar, con carácter de urxencia, o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) das dúas esculturas.
Nunha das mocións, o BNG demandou a recuperación do Pazo de Meirás como ben público e que a Fundación Franco deixe ser a encargada das visitas e pase a ser xestionado polo Concello de Sada, como garantía de que se ofreza unha información veraz sobre a historia deste espazo histórico. Aprobouse coa abstención do PP.
Ademais, o BNG presentou unha moción para que o Concello vixíe especialmente a afectación que a instalación dunha gasolineira puidese provocar á veciñanza de Brandía así como o estudo das reivindicacións. Ao abeiro desta iniciativa, interveu no Pleno unha representante da veciñanza para expor as súas demandas. Aprobouse por unanimidade.
Ademais, o BNG leva unha moción para que o Concello de Santiago inste ao Consorcio de Santiago á realización dunha publicación científica-divulgativa sobre o Panteón Real. Ademais, cómpre repor os nomes de “Panteón Real” e “Reis da Galiza” ou "Reis de Galiza e León" en vez de “Reyes de León”. Reclamou tamén que o Concello de Santiago inste aos responsábeis da Catedral de Santiago a garantir o uso do galego na sinalética no Panteón Real e no conxunto do templo. Aprobouse por unanimidade esta iniciativa para a dignificación e galeguización do Panteón onde están enterrados persoeiros do Reino da Galiza.
Outra das iniciativas foi destinada a que se acondicionen os camiños de acceso á ruta do río Sar na zona de Conxo. Noutro rogo demandouse que o Goberno local busque unha solución para que a posición avanzada ante os pasos de peóns sexa utilizada tamén por motoristas, que se pinte o pictograma correspondente e contraste que a posición avanzada é segura para os ciclistas. Rexistráronse tamén 5 preguntas dirixidas ao Goberno municipal.