ORZAMENTOS
O BNG esixirá que a Xunta inclúa unha partida para a nova Escola Oficial de Idiomas de Santiago
Reclamou que o Concello arranxe o aparcadoiro e pinte un novo paso de peóns para mellorar os accesos no edificio actual
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, anunciou en rolda de prensa que esixirá que no Orzamento de 2018 da Xunta se inclúa unha partida para a realización da nova Escola Oficial de Idiomas e que o Concello de Santiago incorpore na axenda política esta prioridade.
En setembro de 2012, o Concello de Santiago puxo a disposición da Xunta de Galiza unha parcela de 6.200 m2 no barrio de Santa Marta para a realización dunha “moi necesaria nova escola oficial de idiomas, pola incapacidade da actual de dar acollida a toda a demanda de estudantado e de máis linguas que se poidan impartir, ademais de subsanar que o edifico actual incumpre o Decreto 197/2007 que marca as condicións mínimas que debe ter un inmóbel público para o ensino de idiomas”. Por todo iso, tanto o Concello como a Xunta coincidían naquela altura que era imprescindíbel que Santiago se dotase dunha nova escola oficial de idiomas, explicou.
A pesar de incluír partidas, en anos consecutivos, nos Orzamentos da Xunta de Galiza para a construción da nova escola oficial de idiomas, como denunciaba o BNG eran “partidas fantasma, que se incluían de modo publicitario cada ano pero que non se chegaban a executar, até chegar mesmo a recoñecer por parte da Consellaría que non era unha actuación prioritaria e non se ía realizar”.
Pese a que o prazo de matrícula remata o 15 de outubro, é previsíbel que como todos os anos quede moita xente sen praza na Escola Oficial de Idiomas, pois levan anos reclamando a ampliación do edificio. Esta é unha das demandas pendentes coa Xunta de Galiza. En paralelo a iso, explicou, hai idiomas como chinés (que se imparte na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), xaponés, ruso ou árabe que non se ofertan na EOI de Santiago de Compostela por falta de aulas, pese a que existe demanda.
As consecuencias da falta de espazo son tamén que “existe un desdobramento, para estudar en Vite e nun centro educativo en Sar que non está habilitado, ademais dun mal uso onde o salón de actos, laboratorio e outros departamentos se teñen que empregar como aulas”.
Para Rubén Cela, “existe unha miopía por parte da Xunta de Galiza de entender Santiago como unha cidade de menos de 100.000 habitantes, cando é unha cidade coa singularidade de ter unha universidade cinco veces centenaria con varios milleiros de alumnos e alumnas que, coa entrada do Plan Bolonia teñen que ter unha titulación equivalente a un B-1 para obter o título de grao”. A iso súmase a demanda por parte do funcionariado da Xunta e tamén do sector turístico, que ten un contacto directo con persoas estranxeiras onde a necesidade de formación en materia de idiomas é unha constante.
Reclamou, ademais, que o Concello actúe de xeito inmediato nas cuestións relacionadas coa Escola Oficial de Idiomas que son competencia propia, como “o arranxo do aparcadoiro que está cheo de fochancas e ten un número de prazas insuficiente, pois hai 3.000 alumnos e alumnas e 900 máis que se presentan por libre e ten unha ocupación de 9:00 a 22:00 horas, cunha rotación e un tráfico constantes”.
Ademais, Rubén Cela solicitou que na contorna se instale “un paso de peóns máis, enfronte da Facultade de Xornalismo” para mellorar a mobilidade.