PLENO

O BNG esíxelle a Noriega que o Concello cumpra o acordo plenario e non compre material antidisturbios

A Xunta de Goberno aprobou a adquisición de 21 porras extensíbeis e 11 semirríxidas con tahalí

O BNG esíxelle a Noriega que o Concello cumpra o acordo plenario e non compre material antidisturbios

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- O grupo municipal do BNG esíxelle ao alcalde Martiño Noriega que cumpra o acordo plenario do 20 de xullo de 2017 sobre a eliminación de porras extensíbeis, entre outras armas, por parte das forzas e corpos de seguridade nas mobilizacións cidadás que se produzan na cidade de Santiago de Compostela. Pese a este acordo plenario, na última Xunta de Goberno aprobouse a compra deste material para a Policía local.

Na relación de prendas para renovar os uniformes da Policía local que vai comprar o Concello de Santiago de Compostela, figuran 21 defensas extensíbeis con funda por un importe máximo de 4.725 euros e 11 defensas semirríxidas con tahalí por 275 euros. Estas armas poden provocar a rotura de costelas, contusións cervicais e traumatismo cranioencefálico, como recoñecen sentenzas que describen lesións producidas por membros de forzas de seguridade co seu uso.

Por estes motivos, o BNG reclámalle a Martiño Noriega que revise este contrato asinado polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e pola concelleira de Economía, Facenda e Administración, María Rozas, que foi aprobado na Xunta de Goberno de 22 de setembro de 2017, para evitar a compra de material que o Pleno acordou non utilizar polas lesións que pode provocar.

O BNG esíxelle a Noriega que o Concello cumpra o acordo plenario e non compre material antidisturbios