EDUCACIÓN

O Concello aínda non publicou a listaxe de axudas para actividades extraescolares, que comezan o luns

O BNG destaca que a falta de organización do Goberno local dificulta a conciliación e o labor das ANPA
 

O Concello aínda non publicou a listaxe de axudas para actividades extraescolares, que comezan o luns

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2017.- O grupo municipal do BNG sinala que o vindeiro luns comezan as actividades extraescolares e aínda non se publicaron as listaxes de concesión de axudas municipais, feito que dificulta a conciliación e a organización das asociacións de nais e pais (ANPA).

O BNG recibiu queixas de familias que non saben se van obter a axuda de 30 euros ao mes para participar en dúas actividades por neno ou nena, co que non poden inscribir e comezar as actividades extraescolares porque non teñen certeza de poder pagar.

Isto representa tamén un problema para as ANPA e para o persoal contratado, ao non dispor dunha relación completa de alumnado para comezar estas actividades porque o Concello aínda non publicou a listaxe de adxudicación das axudas, pese a que comezan a vindeira semana.

Do mesmo xeito acontece cos comedores escolares, pois as familias tampouco saben aínda se van obter as axudas económicas por este servizo, o que está a dificultar os labores de conciliación ao inicio do curso escolar.

 

O Concello aínda non publicou a listaxe de axudas para actividades extraescolares, que comezan o luns