MOBILIDADE
O BNG reclama dotar o barrio da Almáciga de autobús urbano
Demanda tamén a instalación de varandas nas rúas en costa para facilitar o tránsito a pé
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama unha solución para a veciñanza da zona alta da Almáciga que segue sen servizo de transporte urbano, pese ao compromiso municipal de incluír a liña de autobuses para subir pola rúa Pastoriza logo de que se modificase o proxecto de reurbanización para que puidesen acceder.
Para o BNG, cómpre completar a reurbanización no barrio da Almáciga cun plan de mobilidade, coa instalación de varandas nas rúas en costa para facilitar o tránsito a pé, a ordenación das prazas de aparcadoiro e o servizo de autobuses para atender unha poboación de máis de 1.000 persoas que viven na zona alta.
Segundo as propostas da veciñanza que recibiu o BNG, a solución pode pasar por microbuses con boas frecuencias en horas punta para mellorar os desprazamentos.