O BNG abstense na Conta Xeral 2014 porque non revela os activos reais e se aproba fóra de prazo
O PP estimou o límite do gasto non financeiro do orzamento en 81 millóns de euros, cando o límite legal para o ano 2014 era de 73 millóns
Rubén Cela pregúntalle á concelleira de Facenda cando pensa traer a Pleno o Plan Económico Financeiro ao que lle obriga a Lei ao incumprir a regra do gasto
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG xustificou a súa abstención á Conta Xeral aprobada en Pleno cos votos de CA e PP porque está só referida a termos orzamentarios, tal e como apunta o informe da Intervención. Seguimos sen coñecer cales son os activos reais deste Concello, cando a imaxe da saúde económico-financeira non se mide só con indicadores como o pago a provedores, explicou Rubén Cela.
O xeito de presentar a Conta Xeral correctamente non é introducíndoa na orde do día por trámite de urxencia e fóra do prazo marcado por Lei, máxime cando todos os concellos están obrigados a aprobala en Pleno, cada ano, antes do 1 de outubro, explicou o portavoz municipal nacionalista.
Esta Conta Xeral saca á superficie algo que o BNG denunciou con insistencia no mandato pasado: que as contas municipais tiñan unha dose de maquillaxe contábel moi grande pero que detrás era doado ver a faciana económico-financeira real deste Concello.
Así, un exemplo é o incumprimento da coñecida como Regra do gasto, incluída na Lei de Estabilidade imposta polo PP, xunto cos parámetros de Estabilidade e Limitación de endebedamento. Así, explicou Rubén Cela, o Concello de Santiago non só incumpre a regra de gasto senón que deixou pasar o período no que hai que aprobala legalmente. En concreto, o PP estimou o límite do gasto non financeiro do orzamento en 81 millóns de euros, cando o límite legal para o ano 2014 era de 73 millóns. A final do ano, como non se executaron nin tan sequera a cuarta parte dos investimentos orzados con carácter definitivo, atopámonos con que o Concello de Santiago incumpriu a regra de gasto en 2.355.000 euros.
Porén, con independencia de que nós non esteamos de acordo con esta norma e con independencia que dentro de tres meses poida ser historia, o certo é que hoxe está vixente; mentres exista só hai dúas opcións: cumprila ou desobedecela con todas as consecuencias, non hai terceiras vías, explicou. Así, preguntoulle á concelleira de Facenda cando pensa traer a este Pleno o Plan Económico Financeiro ao que lle obriga a Lei, unha vez que se ten constatado o incumprimento da regra do gasto.
Ademais hai que ter conta que datos que aparentemente evolucionan de xeito favorábel non son tal, sinalou Rubén Cela. Así, aínda que poida parecer que o endebedameno por habitante mellora ao pasar de 550 euros/habitante en 2013 a 433,74 en 2014, hai que deixar constancia de que podería ser menor se o PP non tivese endebedado o Concello en máis de 12 millóns no ano 2012; non para investir senón para gastar. É dicir, trocando débeda a curto prazo de provedores por débeda a longo prazo sen ningún tipo de activo novo para este concello.