O Pleno aproba a proposta do BNG de crear unha senda peonil e carril bici para unir Santiago e Ames
A formación nacionalista presentou unha ducia de iniciativas con propostas en positivo, todas elas aprobadas na sesión plenaria, e de control do Goberno local
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de outubro unha ducia de iniciativas, entre as que destacan as relativas á creación dunha senda peonil e carril bici para unir Santiago con Milladoiro e Bertamiráns, que foi aprobada por unanimidade cunha emenda, á elaboración e posta en marcha dun plan de actuación urxente para arranxar o campus sur universitario e á ampliación e ordenación do aparcadoiro do CHUS. Todas foron aprobadas na sesión plenaria.
Ao abeiro dunha moción rexistrada polo BNG, interveu un representante da CIG para demandar o apoio da Corporación á Iniciativa Lexislativa Popular para crear a tarifa eléctrica galega, que conciba a enerxía como servizo público e axude a combater contra a pobreza enerxética. Tamén o BNG trasladou ao Pleno as demandas da comunidade educativa do CEIP de Vite e propiciou a súa intervención ao inicio do Pleno, logo da xuntanza mantida onde explicaron a necesidade de dotar de catro coidadores/as máis e un profesor/a de apoio (PT) a tempo completo.
O BNG presentou unha proposta de crear aparcadoiros de bicicletas e un sistema de préstamo público, ademais de requirir unha campaña de concienciación sobre os beneficios de utilización de medios de transporte sostíbeis, incluíndo as vantaxes da intermodalidade no sentido de deixar o coche nun estacionamento e desprazarse logo en bicicleta. Aprobouse por unanimidade.
Ademais, defendeu no Pleno que as tarifas das instalacións deportivas municipais se adecúen ás familias monoparentais, xa que os abonos do Complexo Deportivo Santa Isabel e Multiusos Fontes do Sar impiden que se beneficien das reducións estipuladas. Foi aprobada.
Outra das mocións do BNG - tamén aprobada- foi destinada a que Santiago de Compostela se dote dun centro da UNED para atender a demanda existente e evitar desprazamentos a outras cidades. Segundo recolle o texto da iniciativa, o servizo que presta a UNED a milleiros de persoas, que por circunstancias distintas non poden cursar unha carreira de maneira presencial, é de grande utilidade e importancia para posibilitar a formación universitaria.
En relación ás preguntas de control ao Goberno local, o BNG require saber os prazos das obras de Basquiños, se foi recepcionada a primeira fase e as previstas para emendar as molestias ocasionadas á veciñanza da zona por mor das reformas que sufriu a rúa; o prazo para abrir a rúa Escultor Camilo Otero; as xestións e prazos para abrir as cafetarías da estación de autobuses e Auditorio de Galiza e cando ten previsto convocar o Consello Municipal de Saúde que aínda non se reuniu neste mandato.