O BNG insta a facer labores preventivos e corrixir problemas estruturais para evitar asolagamentos
Recoñece o labor dos equipos de emerxencias que traballaron para paliar os danos das inundacións
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2015.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, co fin de minimizar as consecuencias dos asolagamentos producidos por trombas de auga, insistiu na necesidade de realizar labores preventivos e de mantemento, que requiren os propios servizos de emerxencias.
O BNG é consciente de que tanto Protección civil como o servizo de Bombeiros traballaron con dilixencia no momento para tratar de paliar as inundacións que lle afectaron a vivendas, baixos comerciais e estabelecementos de hostalaría mais, previamente, non se efectuaron os debidos traballos de continuidade nin tampouco cando se coñeceron as alertas meteorolóxicas.
Dende o punto de vista do BNG, explicou Rubén Cela, determinadas zonas da cidade con alto risco de asolagamento deben ter a rede de sumidoiros a punto. Agardemos que o Goberno local tome nota do acontecido nesta ocasión, para evitar que se volvan producir consecuencias tan negativas derivadas das chuvias torrenciais por falta de mantemento, pois o outono acaba de comezar e isto acontece con certa frecuencia na nosa cidade, engadiu.
Nos sitios onde se detecten problemas estruturais, cómpre corrixilos, afirmou o portavoz nacionalista en Raxoi, para evitar o caos xeralizado que se produciu derivado en gran parte dunha tromba de auga ao non ter a rede de sumidoiros no mellor estado posíbel.