O BNG require que as instalacións deportivas municipais usen a lingua galega nas súas comunicacións
Goretti Sanmartín reclama que os rótulos, sinais, publicidade e información pública do Multiusos Fontes do Sar estean en galego
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2015.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín demanda que as instalacións deportivas municipais utilicen a lingua galega nas súas comunicacións, que mesmo están a vulnerar o Regulamento de Uso do Galego na Administración Municipal de Santiago de Compostela e o Plan Municipal de Normalización Lingüística.
En concreto, nas piscinas do Sar os rótulos, os cartaces informativos sobre primeiros auxilios, a comunicación sobre a calidade da auga e a cantina exclúen o galego, cando se trata de concesións municipais que teñen o deber de utilizalo.
No Multiusos Fontes do Sar, ademais dos sinais de tráfico da contorna que non están en galego, mudaron hai pouco a información sobre como hai que pasar os cartóns de aboado e agora está en castelán. A isto hai que engadirlle que a publicidade de empresas patrocinadoras de eventos e as que ofrecen descontos por ser aboado das instalacións deportivas do Concello están maioritariamente en castelán, cando usan estes espazos municipais para se promocionaren. Así, lembrou que o Concello debe desenvolver accións encamiñadas a promover o uso do idioma galego en todos os ámbitos sociais, incluíndo o deportivo, tal como recolle o Plan Municipal de Normalización Lingüística.
Ademais, no Plan Municipal de Normalización Lingüística estabelécese que no ámbito deportivo se debe traballar na procura de que o galego sexa lingua vehicular dos cursos e actividades que se programen.
Deste xeito, o grupo municipal do BNG, atendendo as queixas recibidas, requírelle ao Goberno local que supervise o idioma das comunicacións e da publicidade das instalacións deportivas municipais, para favorecer a normalización do galego xa que o Santiago de Compostela foi unha cidade pioneira no seu impulso.