PLENO
O BNG abstense na proposta do Goberno local sobre as vivendas de uso turístico “por falta de diálogo e negociación”
Está a favor da regulación e limitación das VUT para favorecer o uso residencial na cidade, fixar poboación e incrementar as opcións de aluguer
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023.- O BNG abstívose no Pleno extraordinario sobre a regulación de usos das vivendas turísticas “por falta de diálogo e negociación”.
Goretti Sanmartín, na súa intervención, incidiu na “inconcreción e homoxeneización das zonas sensíbeis, estando diante de realidades moi diferentes que deberían abordarse de maneira desigual na norma” e tamén na “arbitrariedade pouco xustificada de situar as VUT só nos primeiros andares”. O BNG estima que cómpre discernir entre quen ten unha ou dúas VUT e quen dispoñen de múltiples propiedades.
O BNG considera inxustificábel que o Goberno local do PSOE abra a posibilidade de estender a legalización das VUT que non están inscritas no Rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT).
Para o BNG, “hai que analizar os problemas desde unha perspectiva global e o Concello pode facer moito máis para mobilizar a vivenda baleira” co fin de contribuír a resolver as carencias de aluguer existentes na actualidade. O BNG apoiou inicialmente o procedemento de modificación do título III do PXOM por xulgar que é preciso proceder a regulacións normativas nun contexto moi complexo en que “Santiago se xoga moito canto ao modelo de cidade que queremos”. O BNG defende os obxectivos de favorecer o uso residencial na nosa cidade, “para contribuír a fixar poboación poñendo as persoas residentes en Compostela no centro e incrementar as posibilidades de aluguer para uso de fogares e estudantado”, explicou.
“Se houbo un momento en que falabamos de vivendas legais, a minoría que tiña título habilitante municipal; paralegais, as do REAT por se moveren inicialmente na inseguranza xurídica; e ilegais, as que non tiñan nin unha cousa nin a outra, agora a igualación será total”. Desta maneira, o Goberno local declara que “todas son iguais e anima a se regularizaren a non sabemos cantas vivendas de uso turístico que permanecían na ilegalidade máis absoluta e xa terían que ter sido pechadas pola administración municipal”, advertiu. Sen ningunha dúbida, decisións coma esta contribúen a afondar na guerra xudicial, engadiu.
“O mellor sería que a proposta que se trae a este pleno gozase cun consenso importante para se levar a cabo, político e social, un consenso e negociación que o goberno socialista non practica nin coas persoas e colectivos afectados nin con este grupo da oposición”, sinalou. Ademais, aludiu a que “nesa sucesión de informacións, do alcalde e da concelleira de Urbanismo, con perspectivas diferentes sobre o que abranxería a norma, deixan en evidencia a súa improvisación, falta de planificación e de coordinación”.
Goretti Sanmartín tamén indicou que esta norma carece da necesaria regulación sobre a preservación do comercio tradicional e de comercios emblemáticos. Lembrou que nesta modificación se inclúe a prohibición de instalar gasolineiras en zonas residencias, como aconteceu en Brandia, aínda que a garantía definitiva esixa unha modificación lexislativa estatal que o BNG xa solicitou no Congreso.