AMBIENTE

O BNG advirte de que o proxecto de renaturalización dos ríos Sar e Sarela non inclúe a protección de flora ameazada

Narcissus cyclamineus
Narcissus cyclamineus

Demanda a realización dun estudo específico para a detección e cuantificación das plantas protexidas neste espazo

O BNG advirte de que o proxecto de renaturalización dos ríos Sar e Sarela non inclúe a protección de flora ameazada

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023.- O BNG advirte da opacidade do proxecto de "Renaturalización dos ríos Sar e Sarela" elaborado de costas á veciñanza de Compostela, coa repercusión de que afecta ás especies de plantas protexidas "Dryopteris guanchica" e "Narcissus cyclamineus".

O Concello afirma non ter constancia de especies protexidas na área deste proxecto e tampouco consta se se van eliminar especies invasoras como "Tradescantia fluminensis", que é un grave problema porque reduce a biodiversidade onde medra e é abundante nestes ríos.

Tampouco se inclúe nese proxecto a reintrodución de plantas protexidas, cuestión que sería moi interesante. As plantas protexidas son un valor dos ríos de Compostela que o Concello parece ignorar que existen e cómpre evitar a súa desaparición antes de que este proxecto se materialice.

O BNG demanda a realización dun estudo específico para a detección e cuantificación, na área deste proxecto, de especies protexidas actuais, en especial a "Dryopteris guanchica" e "Narcissus cyclamineus", que están citadas con anterioridade (Bellot, 1959), para saber onde están antes da realización dunhas obras que poderían destruílas. Actualmente coñécese a localización dalgunhas plantas pero non foi feita unha detección sistemática para saber a súa extensión real.

Deste xeito, o BNG demanda que o Goberno socialista se preocupe das especies protexidas que dan valor aos ríos, coa realización dun estudo das plantas inventariadas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas para garantir a súa protección e velar pola biodiversidade en Santiago de Compostela.

 

 

O BNG advirte de que o proxecto de renaturalización dos ríos Sar e Sarela non inclúe a protección de flora ameazada