CONGRESO
BNG exixe frear a privatización da torre de control do aeroporto de Santiago de Compostela
“Quedou demostrado que as torres privatizadas non gañaron nin en eficacia nin en eficiencia e só en precariedade laboral e en recorte de dereitos laborais e sindicais” critica Rego
Madrid, 15 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego exixe a rectificación do Goberno do Estado ante a intención de privatizar o servizo de control do aeroporto de Santiago de Compostela. A frente nacionalista reclama apostar por manter o servizo de aproximación, como o caso da torre de control da terminal Rosalía de Castro, en mans públicas e que os profesionais de ENAIRE -controladores, persoal de mantemento ou de oficinas- manteñan o seu posto de traballo.
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ven de publicar o proxecto de orde ministerial que determinará os aeroportos xestionados por AENA para a selección de novos provedores civís de servizos de control de tránsito aéreo que suporá a xestión privada da torre de control de Santiago de Compostela. Para a organización nacionalista, con este regulamento segue a avanzarse no proceso de privatización iniciada coa lei aprobada en 2010 que xa supuxo a privatización das torres de Vigo e A Coruña, xunto con outras dez.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembra que esta reactivación da privatización prodúcese “nun momento de folga dos controladores do sector privado, pola precariedade e o empeoramento das súas condicións laborais”. De facto, a maioría das e dos profesionais do sector privado quere pasar ao público, mentres que outros acaban abandonando a profesión ante a súa situación laboral.
“Quedou demostrado que as torres privatizadas non gañaron nin en eficacia nin en eficiencia e só en precariedade laboral e en recorte de dereitos laborais e sindicais” sinala Rego, ao tempo que exixe a rectificación do Goberno do Estado nesta nova intención de privatizar o servizo de control de Santiago. A organización nacionalista tamén destaca que, nun contexto onde en Europa o privado volve ao público como o caso do aeroporto de Gatwick, o Estado español segue apostando pola privatización” sinala Rego. Así mesmo, exixen coñecer cal será o destinos das e dos profesionais de ENAIRE que se atopan neste momento prestando servizo na torre de control de Santiago como os controladores, persoal de mantemento, persoal de oficinas, etc.
Segundo explicou a candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, non ten sentido privatizar a xestión da torre porque non se vai conseguir maior eficiencia nin tampouco un abaratamento dos billetes. “Este tipo de decisións conducen a unha precariedade laboral e a facer dun servizo público un negocio para AENA e para empresas privadas” engade a portavoz municipal do BNG en Compostela.
Neste sentido, as iniciativas do BNG no Congreso e no Parlamento galego encamiñadas a frear esta privatización “queren contribuír a evitar medidas que poden poñer en risco a seguranza aérea segundo denunciaron os propios controladores e controladoras, o recorte de dereitos laborais e os despedimentos, como xa aconteceu con anterioridade nas torres de control dos aeroportos de Alvedro e de Peinador”. Así, o BNG segue a defender a xestión pública das torres de control dos aeroportos galegos.
Alén do máis, a propia Comisión Nacional dos mercados e Competencia, ente totalmente a favor de continuar coa privatización das torres, indica no seu último informe que nas torres que teñan servizo de aproximación -o caso da torre de Santiago- non sería economicamente eficiente a liberalización do servizo de control de aeródromo, por prestarse conxuntamente co servizo de aproximación. En Santiago préstase servizo aproximación radar aos tres aeroportos galegos e aos vos que se atopan en espazo aéreo galego ata 24000 pés, aproximadamente oito quilómetros.