PLENO

O BNG reúnese coa veciñanza do Eixo que ten problemas de abastecemento de auga

Visita á parroquia do Eixo
Visita á parroquia do Eixo
“Un dos compromisos do BNG para o próximo mandato municipal é buscar financiamento da Xunta e do Estado para dotar de abastecemento e de saneamento as parroquias do rural compostelán”, afirma Goretti Sanmartín
O BNG reúnese coa veciñanza do Eixo que ten problemas de abastecemento de auga

Trasladará unha iniciativa ao Pleno para reclamar as obras de conexión á traída municipal

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, xunto con Xesús Domínguez e Pilar Lueiro, visitaron o núcleo da Veiga, na parroquia do Eixo, que carece de conexión á rede de abastecemento municipal de auga, como acontece noutros lugares do concello de Santiago, co agravante de que queda sen subministración e sen garantías de potabilidade de auga especialmente cando secan os pozos por mor da estiaxe.

Nunha visita ao lugar, comprobaron a preocupación das persoas afectadas ante a pasividade do Goberno local, que elaborou un anteproxecto para conectar 200 vivendas á rede da traída de augas municipal e, co argumento de que custa 2 millóns de euros e de que vai ligado ao novo contrato da auga, deixa sen conexión á ducia de vivendas que quedan sen auga e para as que cómpre unha solución urxente antes do próximo verán.

Nese sentido, tendo en conta que o orzamento municipal está prorrogado e de que existen posibilidades de realizar unha modificación de crédito ou de utilizar remanentes de tesouraría, pódese acometer de xeito prioritario unha primeira fase para ofrecer este servizo básico coa conexión á rede de abastecemento nesta ducia de fogares que carecen de auga no verán.

“Esta obra pode facerse independentemente da licitación do novo contrato da auga, pois este núcleo de poboación está entre 150 e 350 metros de distancia até onde chega a rede na actualidade, polo que é necesaria unha obra para facilitarlles o enganche á auga da traída municipal”, explicou Goretti Sanmartín. Ademais das vivendas, tamén están afectados negocios alí instalados, o que repercute en problemas para a economía local.

Ademais, anunciou que “un dos compromisos do BNG para o próximo mandato municipal é buscar financiamento da Xunta e do Estado para dotar de abastecemento e de saneamento as parroquias do rural compostelán, ademais de consensuar con FERUSA a prioridade dos núcleos que precisan estes servizos”.

Deste xeito, desde o BNG trasladaremos unha iniciativa ao próximo Pleno para realizar de urxencia as obras necesarias para facilitar o enganche á rede de subministración de auga do núcleo da Veiga, na parroquia do Eixo.

O BNG reúnese coa veciñanza do Eixo que ten problemas de abastecemento de auga