O BNG advirte que en 2015 quedaron sen executar 70 de cada 100 euros do Orzamento municipal
Compostela Aberta demostra que segue a liña do Partido Popular cun investimento extremadamente baixo cando hai grandes necesidades
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2016.- A liquidación do 2015 presentada polo Goberno de Compostela Aberta revela un grao de execución do 28% do Orzamento municipal; isto é que 70 de cada 100 euros quedaron sen gastar pese ás necesidades de arranxar fochancas, crear emprego, axudas sociais e mellora da cidade en xeral.
Ademais, o grupo municipal do BNG requirira, mediante unha carta dirixida ao alcalde Martiño Noriega hai máis dunha semana, unha copia da liquidación do Orzamento de 2015 co fin de coñecer a xestión de ingresos e gastos realizados durante ese exercicio, aínda non recibiu esta documentación. Porén, presentouse publicamente co falso argumento da solvencia económica en troques de falta de xestión para xustificar o superávit de 5,4 millóns de euros, o máis alto dos últimos anos.
Para o BNG, ademais da tardanza en dar explicacións, Compostela Aberta demostra que segue a liña do Partido Popular de niveis de execución orzamentaria extremadamente baixos, pois de cada 100 euros dispoñíbeis para mellorar a cidade quedaron 70 sen executar.
O BNG fixera este requirimento da liquidación orzamentaria en aras da transparencia, tendo en conta que os concellos deben elaborala antes do 1 de marzo e a súa aprobación lle corresponde ao presidente da Corporación, previo informe da Intervención municipal.