CAMPAÑA
O BNG advirte da manipulación da CRTVG e do PP ao cancelar o debate electoral de Santiago
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023.- O BNG denuncia a mentira e manipulación do PP e da CRTVG á hora de xustificaren a cancelación do debate electoral de Santiago xa que, segundo fixeron constar, só confirmara a súa presenza Borja Verea cando, en realidade, tiña confirmado desde había máis dun mes a súa asistencia ao debate da SER que se realizaba de maneira simultánea.
O BNG de Santiago advirte da mentira e da manipulación por parte da CRTVG ao explicar en directo que non se realizaba o debate por só confirmar a asistencia Borja Verea cando hai máis dun mes que o candidato do PP tiña xa previsto asistir ao debate da SER.
O debate que a CRTVG incluíu no seu plan de medios para Santiago coincidía neste luns día 22 co que a cadea SER convocara máis dun mes antes, o 17 de marzo, e que se desenvolvería aberto ao público no Salón Teatro. Desde o primeiro momento, notificouse desde o BNG á CRTVG a situación pero negouse a facer ningún cambio, cando existía constancia de que os catros grupos políticos, incluído o do PP, tiñan previsto participar no debate da radio de Santiago.
Que a CRTVG diga en directo que Borja Verea ía estar no seu debate e non foi porque os outros candidatos e candidatas declinaron participar é unha mentira e unha clara manipulación e demostra que están ao servizo do PP. O BNG presentará unha denuncia deste feito ante a Xunta Electoral Provincial.