PARQUE MÓBIL
O BNG advirte de que hai vehículos municipais cos contratos de renting caducados
É necesario facer un estudo sobre os vehículos do parque móbil municipal onde resulta máis acaído utilizar este sistema ou optar polo de compra en propiedade
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2017.- O servizo de renting de vehículos de alugueiro súmase a unha longa listaxe de servizos sen contrato: centros socioculturais, escola infantil de Salgueiriños, pistas de pádel, escola municipal de música, ORA e guindastre e matadoiro municipal, entre outros. En decembro terán que devolver 8 vehículos porque o contrato rematou a finais de novembro e non se licitou o novo concurso en prazo, unha mostra máis das malas prácticas en que incorre o Goberno local de Compostela Aberta.
Deste xeito, o portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, proporalle ao Goberno de Martiño Noriega realizar unha análise detallada do parque móbil municipal para economizar os vehículos que compensan manter mediante contrato de renting, leasing ou por adquisición, porque non todos teñen un mesmo tipo de uso. Advirte que, ademais existir vehículos municipais co prazo de alugueiro rematado, a furgoneta de atestados da Policía local e a pick-up de Protección civil rematan os contratos en abril e tampouco se convocou aínda a nova licitación.
Para o BNG, cómpre facer unha revisión do modelo de contrato dos servizos do parque municipal de vehículos, tales como o renting ou leasing, para saber se resultan económicos en determinados casos nos que teñen pouco uso ou desgaste e pode representar un aforro ás arcas públicas o feito de telos en propiedade en troques de asumir un alugueiro que, ademais, está pendente de renovar.
Os modelos de renting nos vehículos adoitan incluíren os custos de mantemento e os servizos necesarios para frota. Pneumáticos, reparacións, impostos e coberturas adicionais, como poden ser seguros, van incluídos no prezo do contrato, así como as revisións periódicas e a posibilidade de substitución de vehículo mantendo o contrato no caso de avaría grave ou accidente. Por estes motivos, é necesario facer un estudo sobre os vehículos do parque móbil municipal onde resulta máis acaído utilizar este sistema ou optar polo de compra en propiedade.