PLENO
O BNG advirte de que Noriega, por mala xestión, vai destinar 3 millóns de euros que non gastou en 2017 a amortizar débeda bancaria
Compostela Aberta triplica o período legal de pagamento a provedores e iso obriga a investir eses fondos en beneficio da banca e non na veciñanza
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cuestiona a proposta de Compostela Aberta que vai levar ao próximo Pleno sobre o destino dos 8 millóns de euros de remanentes de tesourería, derivados da incapacidade de facer investimentos en 2017 que expuxeron na Comisión Especial de Facenda.
Mediante modificacións de créditos asignáronse 1.803.132 a investimentos sostíbeis de 2016, 1.097.842 para a amortización extraordinaria de débeda, 1.898.909 destináronse a pagar facturas no caixón e a proposta que leva Compostela Aberta ao Pleno é que “os 3.085.870 euros de remanentes que restan vaian integramente a amortizar débeda, é dicir que non vaian a investimentos na cidade, a solucionar problemas sociais ou facer obras; a proposta é que o diñeiro vaia para os bancos”.
“Nestes momentos que haxa 3 millóns de euros e que vaian para os bancos é unha proposta que sorprende de Compostela Aberta”, sinalou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, “porque a política financeira do Concello de Santiago nestes momentos é a mesma que a do tempo do Partido Popular”. Lembrou que o BNG foi moi crítico daquela coa política do PP de endebedarse con altos intereses, cando non se investía o orzamento consignado, para amortizar eses créditos cos remanentes, como repite agora Compostela Aberta.
“Cando hai diñeiro que debera usarse para solucionar tantos problemas como hai no rural e na cidade, en vez diso, o Goberno de Compostela Aberta dedica 3 millóns de euros que non gastou en 2017 a pagar débeda para que eses cartos vaian para os bancos”, advertiu.
“Isto vén motivado porque este concello supera en moito o período máximo de pagamento a provedores, que legalmente está en 30 días, e entón Compostela Aberta non pode destinar os remanentes a outras cuestións, mesmo cando o Estado flexibilizou as posibilidades de utilizalos a outros investimentos”, sinalou.
O Concello de Santiago incumpre o requirimento de pagarlle a provedores en 30 días. Así, en febreiro e marzo a media de pagamento a provedores no Concello de Santiago era de 32,8 días; no mes de agosto estaban en 81,33 días de media e en setembro é de 84 días. Os provedores tardan case tres meses en pagárselle as facturas, explicou.
Este problema de política financeira demostra “unha falta de capacidade para xestionar no día a día, porque case triplica o período previsto na lei cando o lóxico sería intentar reducilo ao máximo para recuperar eses fondos dos remanentes de tesourería para investir nas necesidades de Santiago de Compostela e que os orzamentos signifiquen un beneficio para a veciñanza e non para a banca”.