PLENO

Rubén Cela traslada ao Pleno a necesidade de regularizar os servizos que continúan a operar sen contrato

Instou a que se resolva “porque é unha vergoña, unha irresponsabilidade política e unha inxustiza para outras empresas que queren concorrer”

Rubén Cela traslada ao Pleno a necesidade de regularizar os servizos que continúan a operar sen contrato

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno para regularizar o procedemento dos servizos municipais externalizados que continúan a operar sen contrato.

O Goberno local, de acordo co estabelecido na Lei de Contratos do Sector Público, mantén en situación irregular numerosos contratos de servizos prestados a través de empresas privadas mediante concesións administrativas. “Levamos todo este mandato denunciando que moitos servizos básicos deste concello se presten fóra de contrato nun claro fraude de lei, indo en contra da letra e espírito da Lei de Contratos do Sector Público, que esixe igualdade para as empresas, publicidade e libre concorrencia”, dixo.

Neste mandato houbo casos “clamorosos” como o dos centros socioculturais que estiveron máis de dous anos sen contrato e con pagamentos de 2 millóns de euros; o da ORA e do guindastre ou mesmo o da Escola Infantil de Salgueiriños, advertiu.

No mes de marzo de 2018, aprobouse en Pleno unha proposición do BNG para resolver estas anomalías e co fin de axilizar os procedementos administrativos dos servizos municipais externalizados que daquela operaban sen contrato. Mais é evidente que proseguiu a inercia do incumprimento dos prazos para licitar e contratar seguindo os procedementos administrativos que determina a lexislación, o que provoca irregularidades e inseguranza xurídica e laboral dos traballadores e traballadoras destes servizos.

Deste xeito, pasou a relatar outros servizos irregulares: as pistas de pádel que foi motivo da marcha da representación do BNG en XADE despois dun ultimátum e de 18 requirimentos por escrito da empresa ao Concello; a Escola Municipal de Música que leva sen contrato desde o 14 de novembro de 2017; o Matadoiro municipal; o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela; o servizo de limpeza das instalacións municipais e limpeza e conserxería dos centros de ensino públicos; e tamén o transporte público de autobuses, a furgoneta de atestados e o vehículo de Protección civil, entre outros.

Neste sentido, cualificou de “desleixo, falta de previsión e temeridade” manter esta situación por parte do Goberno municipal de Compostela Aberta e instou a que se resolva “porque é unha vergoña, unha irresponsabilidade política e unha inxustiza para outras empresas que queren concorrer”.

 

Rubén Cela traslada ao Pleno a necesidade de regularizar os servizos que continúan a operar sen contrato