TARIFA ELÉCTRICA GALEGA
Recollida de sinaturas e acto informativo para abaratar o recibo da luz
Será o martes 6 de novembro ás 20:00 h. no Museo das Peregrinacións
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018.- O BNG organiza unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a redución do IVE do 21 ao 4% ademais dun acto público previsto para o martes 6 de novembro ás 20:00 no Museo das Peregrinacións, na praza das Praterías, coas intervencións de Goretti Sanmartín, portavoz municipal e candidata á Alcaldía; Noa Presas, deputada parlamentar; e Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG.
Goretti Sanmartín Rei, en declaracións aos medios de comunicación durante a recollida de sinaturas na praza do Toural, sinalou que a luz é “un produto de primeira necesidade e non unha mercadoría de luxo que sirve para que as empresas eléctricas cada vez gañen máis”. Galiza é un país produtor e exportador de enerxía, que ten que soportar unha das tarifas máis caras de Europa cando ten os salarios e as pensións das máis baixas. Nos últimos 8 anos o recibo da luz subiu máis dun 30% e no último ano un 10%, “son cantidade excesivas e sen xustificación”, engadiu.
Fixo referencia tamén á que medra “o número de persoas que non poden manter a vivenda coa temperatura adecuada”. Deste xeito, o BNG propón que a luz estea baixo o control público galego, cunha tarifa eléctrica galega que impida penalizar os lugares produtores de enerxía fronte aos que consomen e permita abaratar os prezos para particulares e tecido industrial.
Ademais, sinalou que a luz ten unha fiscalidade excesiva, “ten un IVE dun 21% como se fose un produto de luxo, que queremos abaratar ao 4% que lle corresponde aos produtos básicos”. Reclamou tamén eliminar os suplementos territoriais.
Así, a campaña do BNG consiste en recollida de sinaturas, reparto de folletos, un vídeo explicativo e mocións nos concellos. Lembrou tamén Goretti Sanmartín que o Concello de Santiago aprobou en xaneiro de 2017, a iniciativa do BNG, unha proposición para cobrarlle ás distribuidoras de enerxía eléctrica polo uso do espazo público, porque hai sentenzas que avalan esta medida. Para isto, o BNG reclama a modificación das ordenanzas fiscais co fin de que inclúan este cobro ás eléctricas e que ese diñeiro poida reverter en bonificacións para as persoas máis desfavorecidas.