O BNG apoia a manifestación convocada polo estudantado galego a favor do ensino público
O grupo municipal, xunto co portavoz nacional do BNG, participaron na mobilización que percorreu as rúas de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 26 de febreiro 2015.- O BNG apoiou as demandas dos estudantes de ensino medio e universitario que hoxe saíron a rúa nas cidades do país para defender un ensino público digno e de calidade ameazado polos recortes e polos cambios normativos promovidos polo PP desde o Goberno central e desde a Xunta, que supoñen un ataque sistemático a unha educación universal e de calidade.
Como última mostra, a proposta do 3+2 para a obtención dun título universitario que, na práctica, supón devalar o ensino universitario e encarecer o acceso a unha formación académica de calidade obrigando ás familias a pagar para que os fillos e fillas podan completar os estudos superiores con masters, cuxo custe de matricula pode chegar a triplicar as taxas dos cursos de grao. Na práctica, supón pechar a porta ao alumnado con menor recursos, con independencia da súa capacitación académica.
O Bloque secundou a protesta coa presenza dunha representación encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence, na manifestación celebrada en Santiago e reitera a súa posición de apoio ao ensino público, como estratexia para un país que aposte polo coñecemento para o desenvolvemento económico e como mecanismo de igualdade e xustiza social.
A formación nacionalista propón que os prezos da matricula para os master sexan os mesmos que o prezo da matrícula para os graos e, en materia de financiamento, unha dotación económica mínima de 450 millóns de euros anuais, - un 5,3% do orzamento autonómico con cifras de 2015-, fronte aos 374 millóns de euros deste exercicio, e garantir o persoal docente e investigador necesario, hoxe en risco pola taxa de reposición.