O auto xudicial contra Juan de la Fuente dálle a razón ao BNG
Rubén Cela require que sexa o PP quen sufrague os gastos xudiciais derivados de condutas impropias dos seus concelleiros e que se van pagar con fondos públicos municipais
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración sobre o auto xudicial do caso das facturas falsas e da implicación do ex-concelleiro do PP Juan de Fuente. Dende o BNG, consideramos que o tempo pon no seu sitio ao PP; no plano xudicial pon as actuacións denunciadas no banco de acusados e condenados e no plan social queda retratado como o peor Goberno da historia democrática deste Concello, afirmou.
Unha vez máis, é a Xustiza quen lle dá a razón ao BNG cando denunciaba un comportamento por parte do PP incompatíbel coa ética, rigor e respecto ás leis. Iso levou ao BNG a ser a única organización que pediu dende o minuto 1 o cese fulminante de Juan de la Fuente e que levou a forzar o PP a crear unha comisión de investigación, explicou. Esta comisión de investigación concluíu que existían facturas falsas e falsificadas, falsas porque non se correspondían cos gastos reais e falsificadas porque se chegaba a cambiar o CIF da asociación e as sinaturas desas facturas; que existía suplantación de identidade porque alguén asinara en calidade de presidente da asociación veciñal cando non o era; e que había, cando menos, unha subvención concedida a unha asociación veciñal que tiña como contacto o correo electrónico corporativo de Juan de la Fuente e como enderezo a efectos de notificación o seu domicilio persoal.
Iso pareceunos un escándalo e había elementos máis que suficientes para cesar de xeito fulminante a Juan de la Fuente, con independencia da marcha xudicial, indicou. Mais o primeiro que fixo o PP foi encubrilo, pese a ser plenamente consciente de todo o que acontecera, e o segundo foi defendelo expresando a súa confianza plena, ademais de mantelo no seu posto, até que quedou inhabilitado pola sentenza de acordar pagar con fondos públicos a factura da defensa xurídica de Adrián Varela; e ademais cargou contra un traballador municipal por dar a coñecer irregularidades na tramitación das subvencións.
O BNG esíxelle ao alcalde desculpas públicas ao traballador que foi maltratado neste proceso, calumniado, difamado e apartado das súas responsabilidades, ademais de restituílo nas funcións que desempeñaba con anterioridade. Rubén Cela requiriu tamén do alcalde desculpas á cidade de Santiago por este atropelo, estas mentiras e o bochorno polo que tivo que pasar por verse inmersa nestes procesos xudiciais.
Ademais, lamentou que estas sentenzas non chegasen antes, porque a Xustiza nos está dando a razón no que temos evidenciado en termos políticos pleno tras pleno. Referiuse así ao caso da defensa de Adrián Varela, ao caso do secretario e do interventor, á praza da xefatura de servizo de licenzas urbanísticas e non será a última vez que aconteza, aínda que con alta probabilidade non sairá antes das eleccións a sentenza contra ao Goberno local conformado con maioría de edís non electos.
Así, Rubén Cela aproveitou para requirir que sexa o PP quen sufrague estes gastos xudiciais derivados de condutas impropias dos seus concelleiros que se van pagar con fondos públicos municipais.