Cienfuegos lémbralle ao Goberno local que ten a responsabilidade de garantir unha cidade limpa
Nestes catro anos non asistimos a ningunha campaña de bo uso de espazo público nin sobre a necesidade de limpeza da cidade, explicou
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2015.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos denunciou o estado dos espazos públicos da cidade en relación aos residuos e á limpeza viaria, ademais da inhibición do Goberno municipal ao respecto. Así, lembrou que o Concello ten a responsabilidade de garantir unha cidade limpa e, de non ocuparse directamente, ten que supervisar o cumprimento do servizo contratado que, a xulgar polos resultados, non o fai mesmo nin cando lle constan incumprimentos nin na medida en que a poboación o demanda tal como constatan as queixas recibidas.
A cidade de Santiago, que se caracterizou pola limpeza das súas prazas e rúas, está a amosar unha faciana de baixo nivel nada propia dunha cidade Patrimonio da Humanidade que se gaba de ser cidade de acollida e de recibir visitantes.
Neste sentido, recordou que o BNG levou ao Pleno de maio de 2013 un rogo en relación cos contedores de lixo, para solicitar novas incorporacións con capacidade suficiente e a reparación ou reposición dos que presentaba un deficiente estado de conservación. Posteriormente, en 2014, interesámonos pola limpeza dos contedores porque a información facilitada polo Goberno local poñía en evidencia que a frecuencia de limpeza era moi inferior á que estabelecía o contrato subscrito coa empresa concesionaria do servizo, engadiu.
Á vista da evidencia do incumprimento da frecuencia de limpeza e doutras deficiencias do servizo, o BNG preguntoulle ao alcalde polas medidas adoptadas en relación cos incumprimentos na limpeza dos contedores e por se tiñan constancia doutras deficiencias. Esta pregunta foi presentada en xuño de 2014 e logo de 8 meses aínda non temos resposta, indicou a concelleira nacionalista.
Do que si temos constancia é de que a cidade histórica, que debería estar especialmente coidada, caracterízase pola presenza de lixo en bolsas depositadas na rúa para a súa recollida, afirmou. Así, lembrou que esta modalidade non está permitida na Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria, que estabelece no seu artigo 18-2 que queda expresamente prohibido depositar bolsas ou residuos soltos fóra do colector ou da vía pública. Aludiu, deste xeito, a razóns de hixiene e ornato e, por outra banda, á prevención de riscos laborais do persoal encargado da recollida do lixo na cidade.
Sobre as queixas recibidas de cheiros e suciedade dos contedores, indicou que o Goberno local, a pesar de recoñecer que incumpren o prego de condicións da empresa contratada, non adoptou medidas para corrixir estas deficiencias. Neste sentido, referiuse aos contedores que non dispoñen de pedal auxiliar, o que dificulta o depósito do lixo de xeito adecuado.
En canto á limpeza das rúas, sinalou que é demasiado frecuente atoparse con excrementos caninos, ouriños e outras materias impropias tanto en barrios, como na cidade histórica e no Ensanche, ademais dos parques públicos.
Nestes catro anos de Goberno popular non asistimos a ningunha campaña de bo uso do espazo público e, en concreto, sobre a recollida do lixo, para alén de pequenas accións para a separación domiciliaria realizadas en colaboración con Sogama e a identificación dos usos de colectores, que só abrangueu unha parte deles, advertiu.
Explicou ademais que non se fixo difusión do punto limpo nin se puxo en marcha o punto limpo móbil, tamén incluído no contrato, nin se recordaron as formas e os horarios para o depósito de lixo nos contedores, como tampouco se incidiu na obrigatoriedade dos donos de cans de recoller os excrementos que deixen en espazos públicos, por citar algúns exemplos.