O BNG insta o alcalde a cumprir o acordo plenario para restaurar o espazo do Banquete de Conxo
Cómpre o seu acondicionamento para facer deste lugar emblemático un espazo atractivo con sinalización para a súa visita e lembrar a súa historia
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2015.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar lémbralle ao alcalde que xa transcorreu case un ano dende a aprobación da iniciativa para a restauración do espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo sen que se coñeza ningunha xestión realizada para executar o acordo previsto.
O vindeiro 2 de marzo é o aniversario da celebración do Banquete de Conxo, un lugar simbólico que o Pleno do Concello de Santiago se comprometeu a acondicionar pola súa significación histórica no contexto de emerxencia dun movemento que daría pé ao galeguismo político. Esta iniciativa presentada polo BNG en abril de 2014 foi aprobada por unanimidade sen que, case un ano despois, se coñeza xestión ningunha do Goberno local para a súa execución.
Na actualidade, este espazo segue en situación de abandono cando cómpre proceder á recuperación da carballeira e á reposición do belvedere alí existente, ademais do seu acondicionamento para facer deste lugar emblemático un espazo atractivo con sinalización para a súa visita e paneis explicativos para lembrar a historia do lugar.