ELECCIÓNS
O BNG comprométese a buscar fondos públicos “para saldar a débeda histórica no rural cun plan a oito anos para instalar saneamento, abastecemento e internet”
“É necesario descentralizar a oferta cultural a todos os barrios e parroquias, para que se poidan organizar concertos, eventos e feiras tamén no rural”, explica Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2019.- O BNG presentou as liñas xerais do programa para o rural de Santiago de Compostela “que deberá ser cunha planificación a oito anos para saldar a débeda histórica”. Goretti Sanmartín e Xosé Quintáns comprométense a buscar fondos das administracións “para saldar a débeda histórica no rural cun plan a oito anos para instalar saneamento, abastecemento e internet”.
Segundo destacou Goretti Sanmartín, candidata á Alcaldía do BNG, o Concello de Santiago “ten unha débeda histórica co rural compostelán, que debe planificar unha serie de traballos a oito anos para corrixir de xeito progresivo a dotación de saneamento e de abastecemento de auga naqueles núcleos que carecen del”. Para iso, comprometeuse a buscar os fondos necesarios da Xunta, do Estado ou da Unión Europea “e outras propostas alternativas como dotar de depuradoras biolóxicas os pequenos núcleos de poboación e convenios con concellos limítrofes con Santiago para conseguir que sexa unha realidade”. Nestes momentos, segundo os datos que proporciona Ferusa, son 90 os núcleos do rural compostelán sen saneamento e abastecemento de augas.
O BNG aposta tamén por un rural produtivo para conseguir fixar poboación e “para reducir o envellecemento da poboación no rural, cómpre impulsar iniciativas para instalar empresas innovadoras, que se impulse o coworking e que a USC poida ofrecer apoio para a diversificación económica do rural”, destacou a candidata.
Outro dos compromisos do BNG é xestionar a instalación de fibra óptica no rural, “pois se a xente nova non ten servizos básicos como internet é un dos motivos de que marche a zonas urbanas ou emigre”. Para iso hai que facer unha planificación a oito anos e conseguir as axudas necesarias por parte do Ministerio de Industria e da Xunta.
Cómpre poñer en valor e recuperar o patrimonio do rural, sexan lavadoiros, fontes, hórreos que non están nas debidas condicións. Ademais, é necesario descentralizar a oferta cultural a todos os barrios e parroquias, para que se poidan organizar concertos, eventos e feiras que fagan que a propia poboación de Santiago se desprace fóra das festas patronais que se coñecen, xunto coa promoción do turismo verde.
Para o BNG é fundamental “recuperar o orgullo necesario de vivir no rural e apoiar o asociacionismo, para aplicar ese Pacto polo Rural que propón Ferusa, co que coincide o BNG, cunha aposta para que a Concellaría do Medio Rural estea ben dotada de orzamento, recursos e infraestrutura, tamén na posibilidade de asesorar na proposta de cooperativas, de asociacións e de pequenas empresas que se queiran instalar no rural”, explicou.
Pola súa parte, Xosé Quintáns, da asociación veciñal de Figueiras e candidato do BNG, destacou que “para reivindicar a importancia do rural hai que ofrecer alternativas realizábeis”. Con respecto á mobilidade, sinalou que hai lugares de Compostela que non teñen acceso ao transporte público, “para o que é necesario facer dúas frecuencias de viaxes pola mañá, un a primeira hora e outro sobre as 12:00 ou 12:30, e despois pola tarde entre as 15:00 e as 18:00 para ter combinación para poderen ir ao centro de Santiago”.
Para gañar seguranza viaria, é necesario mellorar e ampliar o trazado das pistas estreitas e con curvas pronunciadas, do mesmo xeito que facer tramos para uso peonil nas pistas por onde discorre o Camiño de Santiago para evitar que transiten polas estradas, explicou.
En canto ao servizo de limpeza e recollida de lixo, propón facilitar o depósito de residuos en colectores de recollida selectiva para favorecer a reciclaxe. “Nos lugares estratéxicos de cada núcleo de casas debe haber un colector de materia orgánica, papel, plástico e vidro”, engadiu.
Faise necesario tamén instalar colectores de maior capacidade para facilitar a recollida, “na maior parte do rural recóllese en días alternos e resulta demasiado tempo para as bolsas expostas ao sol e á chuvia”. Tamén se debe adaptar a recollida aos festivos para que non supere os dous días de colectores sen recoller desde o xoves ata luns ou martes, como acontece. Esixe tamén, como estipula o contrato, a limpeza viaria para mellorar o aspecto das parroquias, ademais de eliminar a vexetación das beirarrúas e de evitar que a terra se acumule nas canles de pluviais, o que erosiona o asfalto e deteriora estas infraestruturas. Para o BNG é fundamental o control e inspección das empresas concesionarias para que cumpran todas as cláusulas que ten no contrato, como limpar e revisar os colectores deteriorados.
Sobre seguranza ambiental, destacou a necesidade de realizar unha planificación de traballos de mantemento no sistema de saneamento co fin de evitar fugas para os ríos. Ademais, explicou a necesidade de limpar anualmente as fincas que sexan propiedade municipal.
Outro dos puntos do programa vai destinado a extremar os instrumentos de control de actividades perigosas con autorización para tratamento de residuos, en referencia vertedoiro de Miramontes investigado pola Fiscalía pola entrada de materiais indebidos, explicou Quintáns.
Considera tamén importante executar os avais bancarios das empresa que cortan madeira no monte, cando deixan os camiños e as pistas deterioradas, e vixiar para o cumprimento normativo de non autorizar a plantación de eucaliptos en zonas de cultivo agrícola recollidas no PXOM, coas notificacións e sancións que resulten.
O BNG aposta ademais pola instalación e substitución das luminarias obsoletas altamente contaminantes por outras tipo led máis eficientes, para reducir tanto o pagamento mensual como a contaminación.