O BNG consegue no Pleno que se incremente o orzamento para adecuar e mellorar os centros de ensino
Logra tamén unha declaración institucional para restituír as frecuencias de tren suprimidas durante o confinamento e que aínda non se repuxeron que afectan especialmente a Santiago e ao seu estudantado
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020.- O grupo municipal do BNG conseguiu un acordo no Pleno para elaborar e aprobar un plan plurianual de actuacións para a adecuación e mellora dos centros escolares de Santiago, cun cronograma e cun orzamento que se verá incrementado substancialmente xa para o ano 2021, para o que se solicitará a colaboración da Xunta. Aprobouse cos votos de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.
A pesar de que o BNG conseguira no pasado mandato duplicar até 400.000 euros o orzamento anual destinado a realizar arranxos nos centros de ensino, seguen a presentar eivas derivadas da falta de mantemento que, unido á antigüidade das instalacións, precisan dunha maior dedicación e orzamento para a execución destas pequenas obras que facilitan a confortabilidade de alumnado e profesorado, especialmente nestes tempos de pandemia da covid-19.
Ademais, defendeu unha proposición para que o Concello de Santiago de Compostela, no marco das actuacións que realizará a Concellaría de Turismo no ano 2021, cree o roteiro “Compostela, encontro dos camiños” concibido como un percorrido circular que una os tramos xa acondicionados, coa sinalización e mantemento adecuados para a súa difusión, con información na web de turismo de Santiago e deseño e edición dun folleto sobre a nova ruta e o resto das rutas existentes, ademais de fomentar as visitas guiadas, coas medidas de prevención necesarias para evitar o contaxio da covid-19.
O BNG logrou tamén que se realizase unha declaración institucional ao abeiro dunha moción presentada inicialmente sobre a recuperación dos servizos ferroviarios suprimidos en Galiza, e que afectan especialmente a Santiago e ao seu estudantado, amparándose na pandemia, para ofrecer servizos acordes ao incremento da demanda por parte de persoas usuarias. O documento inclúe tamén o aumento do cadro de persoal de maquinistas e a dotación do persoal necesario aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade e mais un plan extraordinario de investimentos para a modernización e mellora da rede ferroviaria galega.
No apartados de rogos, o BNG reclamou que se proceda á licitación do proxecto para a rehabilitación do palacete da Finca do Espiño cos fondos gañados por sentenza para a execución desa obra, que permanece paralizada desde a súa aprobación o 20 de xaneiro de 2020 na Xunta de Goberno local.
Outra das iniciativas foi para acondicionar as instalacións do Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural, situado no lugar da Portela, para recuperar as súas actividades formativas e de lecer saudábel, tendo en conta a necesidade de espazos de uso público educativo.
Tamén solicitou que o Goberno local realice as xestións necesarias coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) e coas operadoras de internet para a dotación deste servizo de internet, que debera ter carácter universal, nos núcleos do rural que carecen de alta velocidade e, en caso de ter avanzado neste proxecto, dar a coñecer os criterios que están utilizando para priorizar a instalación en determinados núcleos e ter en consideración as propostas de asociacións veciñais e da FERUSA.
O BNG, logo de reunirse con traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) trasladou unha pregunta ao Pleno para que se recollan as suxestións deste colectivo e do comité de empresa para que os novos pregos recollan as súas demandas, posto que as empresas licitadoras non lles subministran ás profesionais o material suficiente para facer fronte á situación de pandemia.
Ademais, formulou unha pregunta oral para coñecer cando ten previsto o Goberno local reactivar o Consello Municipal de Persoas Maiores, elaborar o seu regulamento e crear o grupo de traballo específico para estudar a súa situación e pór en marcha as actividades que precisan.
Outro punto foi para coñecer se se vai abrir expediente á empresa Alimentación Saludable Gallega que se encarga dos comedores escolares municipais, ante as queixas recibidas ante a escasa cantidade e calidade dos menús, tendo en conta que houbo xornadas en que faltaron até 30 menús no CEIP das Fontiñas e 10 menús no CEIP Ramón Cabanillas, ademais de existir un incumprimento do protocolo de prevención da covid-19 por falta de persoal.
O BNG tamén rexistrou unha moción ante a crecente preocupación da veciñanza polo mal funcionamento dos servizos de Atención Primaria sanitaria en Compostela e a dificultade de coller citas médicas, coa intención de instar a Xunta a realizar, de inmediato, todas as accións precisas para activar a atención presencial e dar resposta ás demandas de atención pola covid-19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial. Deste xeito, trasladou as reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública para que se aumenten os profesionais nos centros de saúde; os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros; xunto coa necesidade de poñer en funcionamento o Consello de Saúde de Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria para garantir a implicación e colaboración social na resolución de epidemia.